Emmanuel Macron, após falar con Vladimir Putin: "O peor está por chegar"

Ambos mandatarios emprazáronse a seguir conversando.
Vladimir Putin e Emmanuel Macron, nun encontro dos dous dirixentes en Moscova. (Foto: Kremlin/dpa)
photo_camera Vladimir Putin e Emmanuel Macron, nun encontro dos dous dirixentes en Moscova. (Foto: Kremlin/dpa)

O presidente de Francia, Emmanuel Macron mantivo no día de hoxe unha conversa de hora e media co seu homólogo ruso, Vladimir Putin, e afirmou que "o peor está por chegar", asegundo lle trasladou o máximo dirixente da Federación Rusa.

O propio Elíseo sinalou que a conversa tivo lugar despois de que Putin pedise falar con Macron para trasladarlle a evolución da ofensiva rusa en solo ucraíno. Segundo apuntan fontes locais francesas, o presidente de Rusia afirmou que a operación do seu exército "vai segundo o previsto".

Putin teríase negado a paralizar a ofensiva mentres ten lugar a segunda quenda de negociacións entre delegacións dos Gobernos ruso e ucraíno, e o propio Elíseo afirma que ameazou con intensificar os bombardeos nas cidades ucraínas se Zelenski non acepta as condicións que traslada o Kremlin á mesa de diálogo.

Macron afirmou que Rusia está a comerter "un erro grave", e que acabará "illado, debilitado e baixo sancións". O presidente de Francia cree  que Putin busca "pretextos" para xustificar o uso da violencia contra Ucraína.

Conversa "tensa"  

O Goberno francés sinala que a conversa entre os dous dirixentes foi "tensa", pero matizan que tanto Macron como Putin manteñen a intención de seguir a dialogar. "Poden dicirse cousas fortes sen que a conversa rompa", engaden.

O presidente de Francia insistiu en que Rusia debe paralizar o bombardeo e e a ofensiva militar contra obxectivos civís, despois de que nas últimas horas chegaran novas imaxes da toma de Jérson, que segundo algúns medios internacionais xa estaría baixo control do exército ruso.

Asemade, tamén exixiu que o Goberno ruso granta publicamente que non se atacará a integridade física do presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, nin dos seus familiares.

Pola súa banda, Vladimir Putin insistiulle en que os civís non son un obxectivo militar, pero mantén que Rusia conseguirá os seus obxectivos, pola vía diplomática ou pola militar.

Comentarios