A ONU eleva a 227 os civís mortos pola guerra en Ucraína

A Unión Europea prepárase para acoller "millóns de refuxiados". Polo de agora cruzaron a fronteira con Polonia máis de 575.000 ucraínos e ucraínas.
Unha muller mostra o seu pasaporte para entrar en Polonia na cidade fronteiriza de Medyka, esta quinta feira (Foto: Kay Nietfeld / DPA).
photo_camera Unha muller mostra o seu pasaporte para entrar en Polonia na cidade fronteiriza de Medyka, esta quinta feira (Foto: Kay Nietfeld / DPA).

O Alto Comisionado da ONU para os Dereitos Humanos, encabezada por Michelle Bachelet, vén de elevar a 227 o "balance provisional" de persoas civís falecidas en Ucraína desde o inicio da invasión rusa o pasado 24 de febreiro.

Porén, desde Nacións Unidas apuntan que a cifra real, aínda por contrastar, sería "moito maior". De feito, as autoridades ucraínas falan xa de "máis de 2.000 persoas" alleas ao conflito.

Os 227 pasamentos que xa están verificados inclúen 15 rapazas e rapaces, mentres a cifra de feridos ascende a 525 segundo os datos da ONU, incluíndo 28 menores de idade. "Son máis que todas as vítimas civís entre 2018 e 2021 no leste de Ucraína", afirma a organización.

Con base nesta mesma información, 323 vítimas —entre mortos e feridos— da última semana corresponden ao Donbás, incluídas 65 persoas falecidas, "na súa meirande parte en zonas controladas polas forzas leais ao Goberno de Zelenski", di a ONU.

Neste senso, portavoz do Alto Comisionado da ONU para os Dereitos Humanos (Acnudh), Liz Throssell, vén de confirmar, en declaracións á axencia rusa Sputnik, que na última semana 40 persoas morreron no territorio do Donbás controlado por Kiev, e outras 18 nas zonas baixo control das milicias de Donetsk Lugansk. Aliás, outras 198 resultaron feridas no conxunto da rexión.

Acollida de persoas refuxiadas

Paralelamente, a comisaria europea de Interior, Ylva Johansson, vén de confirmar que "desde o 24 de febreiro, 575.100 persoas chegaron desde Ucraína a Polonia".

"A Unión Europea debe prepararse para recibir a millóns de refuxiados que foxen da guerra", advertiu.

Comentarios