Lavrov: "Fálase dunha posíbel guerra nuclear, mais non por parte de Rusia, senón da OTAN e Ucraína"

O ministro de Exteriores ruso pregunta, a respecto da invasión rusa de Ucraína por razóns de "seguridade": "Cando os EUA anunciaron que Iraq era unha ameaza para a súa seguridade, alguén se preguntou por que razón os EUA decidiron 'pór orde' a máis de 10.000 quilómetros de distancia".
Serguéi Lavrov, ministro de Exteriores de Rusia (Foto: Russia Today).
photo_camera Serguéi Lavrov, ministro de Exteriores de Rusia (Foto: Russia Today).

O ministro de Exteriores de Rusia, Serguéi Lavrov, vén de ofrecer unha rolda de prensa para medios internacionais na que cuestionou a cobertura mediática que se está a dar sobre a guerra en Ucraína, e preguntou ás e os xornalistas presentes se "algunha vez cubriron co mesmo entusiasmo a situación en Libia o Iraq, con milleiros de mortes civís".

"Cando os EUA anunciaron que Iraq era unha ameaza para a súa seguridade, alguén se preguntou por que razón os EUA decidiron 'pór orde' a máis de 10.000 quilómetros de distancia", dixo, e xustificou a invasión rusa alegando que "Putin declarou en repetidas ocasións que o inimigo xa chegou até as nosas fronteiras".

Por outra parte, apuntou: "Fálase da posibilidade dunha guerra nuclear, mais non por parte de Rusia, senón por parte da OTAN e máis Ucraína". A este respecto, cuestionou tamén "por que a OTAN debería determinar o que Rusia precisa para a súa seguridade".

A respecto da paralización do gasoduto proxectado con Alemaña Nord Stream 2, Lavrov apuntou que esta infraestrutura "non é precisa para garantir a seguridade enerxética da Unión Europea".

Censura nos medios

Europa, dixo o ministro ruso, "agora intenta fechar os medios de comunicación rusos que informan do que acontece en Ucraína". "Convídoos a familiarizarse cos feitos no canto de falar dunha película de Hollywood na que só existen o ben e o mal", engadiu.

Cómpre lembrar que a multinacional tecnolóxica Google anunciou esta terza feira o bloqueo das canles audiovisuais dos medios de comunicación rusos Russia Today (RT) e Sputnik en YouTube en toda Europa, así como a exclusión da súa aplicación Play Store. Aliás, desde agora tampouco se poden consultar os contidos de RT en Facebook, Twitter e Instagram, quedando só abertas as canles deste medio en Odysee, VK e Telegram.

Mais os ataques á información tamén veñen desde o bando ruso: o Ministerio de Defensa deste país recoñeceu esta cuarta feira que o Exército lanzou unha ofensiva "con armas de alta precisión" contra as "instalacións tecnolóxicas do Servizo de Seguridade de Ucraína e do centro principal de operacións de información e psicoloxía en Kiev". Rusia xustificou este ataque contra unha torre de televisión da capital como unha manobra "para evitar ataques de información contra Rusia".

Comentarios