Intensifícase a guerra após unha semana do inicio do ataque ruso sobre Ucraína

A Asemblea Xeral da ONU aproba unha condena contra a invasión, con só catro países votando con Rusia en contra.
Un edificio da Universidade Nacional de Kharkiv foi bombardeado polas forzas rusas. Foto: Servizos de Emerxencia de Ucraína.
photo_camera Un edificio ardendo en Kharkiv tras o ataque sobre a zona de edificios administrativos e académicos (Foto: Servizo de Urxencias de Ucraína)

O ministro ruso de Exteriores, Sergei Lavrov, advertiu que no caso dunha Terceira Guerra Mundial, esta implicaría un uso de armamento nuclear e sería destrutiva, segundo uns comentarios recollidos onte pola axencia de noticias rusa RIA.

Na véspera, nun encontro sobre desarme en Xenebra, Lavrov asegurara que o Goberno ucraíno conta con capacidade nuclear. "Ucraína aínda ten tecnoloxía nuclear soviética e os medios para desenvolver ese tipo de armas", foi a única evidencia que achegou ao respecto, nunha reunión que ducias de diplomáticos abandonaron en sinal de protesta.

Numerosos civís mortos

O presidente ruso, Vladimir Putin, decretou o ataque e invasión de Ucraína por terra, mar e aire a semana pasada, na maior agresión dun Estado a outro en Europa desde a Segunda Guerra Mundial. Despois de sete días de bombardeos, son numerosas as vítimas civís entre a poboación das cidades do país. 

O Servizo de Urxencias de Ucraína asegurou que son máis de 2.000 os civís falecidos, nun novo balance ofrecido onte que contrasta coas declaracións das autoridades de Rusia sobre a protección dos habitantes de vilas e cidades. Ademais, tamén informou da morte dunha decena de traballadores dos propios servizos de urxencia.

Por parte de Nacións Unidas, o reconto foi asumido pola oficina da Alta Comisionada para os Dereitos Humanos, que até a terza feira tiña confirmadas a morte de 136 civís, 13 destes menores, e máis de 400 feridos. No entanto, asegurou que o balance de vítimas é "moito maior" do que pode verificar. O Ministerio de Defensa ruso recoñeceu onte a morte de 498 soldados e 1.597 feridos do seu Exército. 

O maior arsenal nuclear

As referencias a unha guerra atómica por parte do Goberno ruso chegan despois de que o domingo Putin puxera as forzas nucleares estratéxicas "en modo especial de combate", causando alarma en toda a poboación planetaria. Onte, o termo "guerra nuclear" estaba entre os máis buscados en Google.

O Kremlin xustificou a medida polo que considerou "declaracións agresivas" dos líderes das potencias da OTAN, en referencia ás masivas sancións económicas impostas contra o Goberno ruso, e persoalmente contra el e Lavrov.

Segundo diversos estudos, Rusia conta co maior arsenal nuclear do mundo. O Instituto Internacional de Estudos para a Paz de Estocolmo (Sipri) ─o organismo de referencia a nivel mundial na análise de conflitos─ contabiliza 6.255 cabezas nucleares rusas por 5.550 dos Estados Unidos. Por detrás, están a China (350) e Francia (290).

Reunión adiada

Ademais, o viceministro de Exteriores de Rusia, Alexander Grushko, avisou en declaracións á canle de televisión Rossiya 24 da posibilidade de que se produzan "incidentes" coa OTAN que poderían "escalar nunha dirección completamente innecesaria". Unha nova ameaza a Occidente ante o envío de armamento á resistencia ucraína para facer fronte á invasión rusa.

Grushko volveu insistir en que o asunto das "garantías de seguridade" continuará a ser "chave" para Rusia nun futuro "previsíbel". Isto é, que a OTAN non se expanda cara ao leste, algo que tras a agresión rusa xerou o efecto contrario en, por exemplo, Suecia e Finlandia. 

"De se resolver este tema das garantías, entón poderase pensar nalgunha nova arquitectura de relacións, tanto coa Alianza como con outras organizacións [o Kremlin non recoñece a UE como un actor na política internacional] que existen actualmente nesta rexión", dixo. 

Por outra parte, a reunión entre representantes dos Gobernos ruso e ucraíno prevista para hoxe foi adiada para mañá. Mentres, co fin de elevar a presión de cara a esas conversa, Putin intensificou a ofensiva tamén contra infraestruturas civís no corazón das cidades, malia as advertencias do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos. 

Ademais, as tropas rusas irromperon en Kherson, no mar Negro, e continuaron o duro asedio a Mariupol, no Donbass. A ofensiva de Putin sobre Ucraína xa provocou máis de 874.000 persoas refuxiadas. 

Comentarios