A guerra en Ucraína, en directo

Segue a última hora con toda a información actualizada sobre a guerra en Ucraína.
Campo de refuxiadas en Przemysl (Polonia); bombeiros en Kharkiv; columnas de persoas fuxindo de Lviv; control militares das estradas en Kiev (Fotos: Diego Herrera/Europa Press; Ukrinform; Pavlo Palamarchuk/SOPA; Lassi Lapintie/Lehtikuva).
photo_camera Campo de refuxiadas en Przemysl (Polonia); bombeiros en Kharkiv; columnas de persoas fuxindo de Lviv; control militares das estradas en Kiev (Fotos: Diego Herrera/Europa Press; Ukrinform; Pavlo Palamarchuk/SOPA; Lassi Lapintie/Lehtikuva).

🔴 [EN DIRECTO]

21.27 | Rusia e Ucraína acordan abrir corredores humanitarios para a evacuación

Os Gobernos de Ucraína e de Rusia acordaron onte o estabelecemento de corredores humanitarios para a evacuación e a entrega de alimentos e medicinas no marco do conflito, segundo anunciou a parte ucraína ao término da segunda rolda de conversas, diálogos que se repetirán "axiña".

Así o trasladou o asesor da Presidencia ucraína, Mikhailo Podoliak, a través da súa conta en Twitter, onde tamén publicou unha fotografía da xuntanza e lamentou que Ucraína "aínda non conseguiu os resultados que necesita". Isto é, que paren os ataques sobre as cidades do país.

20.58 | O 'non á guerra' faise ouvir en Santiago​

Varias ducias de persoas concentráronse en Santiago para participar dunha protesta convocada pola plataforma Non á Guerra co lema 'Pola paz e contra a guerra'. Na protesta denunciouse a incalculábel devastación humana, material, social e ecolóxica que provocan as guerras, ao tempo que se sinalou que o conflito en Ucraína prexudicará as clases traballadoras e se manifestou solidariedade co pobo ucraíno.

19.40 | Axustizan o alcalde de Kreminna, en Luhansk, partidario de negociar co Goberno ruso

Vlodymyr Struk, alcalde de Kreminna, unha das principais cidades da zona de Luhansk, foi axustizado na pasada terza feira presuntamente por un grupo de paramilitares, despois de que o secuestraran no interior do seu fogar.

O asesor do ministro de Interior ucraíno, Anton Herashchenko, foi quen confirmou o asasinato do alcalde de Kreminna nas súas redes sociais, ao que cualificou de "traidor" ao pobo ucraíno.

18.53 | Remata a segunda xornada de negociacións entre o Goberno ruso e o Goberno ucraíno

Remata a segunda xornada de negociacións entre o Goberno ruso e o Goberno ucraíno. Delegacións de ambos países desprazáronse novamente até Bielorrusia para negociar o remate das actuacións militares do exército ruso en solo ucraíno. A saída das negociacións, un membro da delegación rusa adiantou que podería estabelecerse un alto o fogo nos arredores dos corredoiros humanitarios das principais zonas de conflito.

18.22 | Putin acusa os batallóns ucraínos de non respectar os corredoiros humanitarios estabelecidos polo exército ruso

O presidente de Rusia, Vladminir Putin, acusou os batallóns ultradereitistas ucraínos de non respectar os corredoriros humanitarios estabelecidos polo exército ruso "en todas as zonas do conflito". Pola súa parte, a delegación ucraína que está a negociar nestes momentos en Bielorrusia nega que existan eses corredoiros, e exixirá o Goberno ruso que deixe de bombardear obxectivos civís.

17.37 | Zelenski solicita publicamente unha reunión co presidente de Rusia: "somos veciños"

O presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, instou Vladimir Putin nunha rolda de prensa ante os medios a manter unha reunión entre os dous dirixentes. Zelenski pídelle que o encontro non teña lugar nunha "mesa de 30 metros", como os que desenvolveu o propio Putin co presidente de Francia, Emmanuel Macron, ou com membros do seu propio gabinete. "Somos veciños, non mordo", engadiu.

16.47 | Emmanuel Macron, após falar con Vladimir Putin: "O peor está por chegar"​

O presidente de Francia, Emmanuel Macron mantivo no día de hoxe unha conversa de hora e media co seu homólogo ruso, Vladimir Putin, e afirmou que "o peor está por chegar", asegundo lle trasladou o máximo dirixente da Federación Rusa.

O propio Elíseo sinalou que a conversa tivo lugar despois de que Putin pedise falar con Macron para trasladarlle a evolución da ofensiva rusa en solo ucraíno. Segundo apuntan fontes locais francesas, o presidente de Rusia afirmou que a operación do seu exército "vai segundo o previsto".

16.12 | Save the Children contabiliza máis de 400.000 crianzas desprazadas de Ucraína desde o comezo da ofensiva rusa

A ONG Save the Children sinala que máis de 40% das persoas desprazadas alén das fronteiras de Ucraína son crianzas. É dicir, unhas 400.000 pequechas e pequechos do máis dun millón de persoas desprazadas desde o inicio do conflito, segundo afirma a ONU. Para a directora de Save the Children no este de Europa, Irina Saghoyan, é "inconcebíbel" que as crianzas se vexan expostas a condicións climatolóxicas moi adversar por mor da guerra, e está preocupada polo "risco de enfermidades como a hipotermia".

15.50 | Comeza a segunda quenda de negociacións entre as delegacións de Rusia e Ucraína 

Medios rusos e ucraínos confirman o inicio da segunda quenda de negociación entre as delegacións rusas e ucraínas desprazadas a Bielorrusia. Con esta mesa de diálogo, ambos países agardan pór fin ao conflito bélico en solo ucraíno. O ministro de Exteriores de Ucraína, Dmitri Kuleba, asegurou que quere resolver a situación pola vía diplomática, pero non aceptará "ultimatums" de Rusia. Pola súa parte, negociador ruso, Vladimir Medinski, sinalou que as súas propostas enfócanse nos ámbitos político, humanitario e técnico-militar.

15.02 | Un cargueiro estonio afunde fronte a Odessa após unha "forte explosión"

O cargueiro Helt, de propiedade estonia e con bandeira de Panamá, afundiu esta quinta feira fronte á cidade de Odessa após escoitar unha "forte explosión", segundo reportou o xerente do navío á axencia Reuters. Varios medios internacionais falan de que o buque tería chocado cunha mina marítima, mais polo de agora non existe confirmación oficial do ocorrido. Catro mariñeiros do cargueiro seguen desaparecidos.

14.55 | Putin presentará "novas demandas sobre Kiev" se as negociacións se prolongan

O xornal ruso RBC informa de que o presidente de Rusia, Vladímir Putin, advertiu ao seu homólogo francés, Emmanuel Macron, que se as negociacións con Ucraína se prolongan no tempo, Moscova terá "novas demandas sobre Kiev".

14.50 | O Ballet de Moscova paga as consecuencias da invasión rusa: Afundación cancela a súa xira na Galiza

O departamento de prensa de Afundación-Obra Social Abanca vén de informar da cancelación da xira programada na Galiza polo Ballet de Moscova e The Russian State Ballet. Nun breve comunicado, a entidade sinala que toma esta decisión "a consecuencia da traxedia que se está a vivir no leste de Europa".

14.10 | Fortes bombardeos sobre Borodyanka

A axencia Reuters reporta fortes bombardeos sobre a cidade ucraína de Borodyanka, uns 40 quilómetros ao noroeste de Kiev. "A poboación local repeleu o asalto ruso, mais os cascos calcinados dos carros blindados destruídos fican espallados por unha estrada, arrodeados de edificios en ruínas e tomados polas lapas", informa o xornalista deste medio Peter Graff.

Edificio residencial de Borodyanka derruído polos ataques. Foto: Maksim Levin / Reuters.
Edificio residencial de Borodyanka derruído polos ataques. Foto: Maksim Levin / Reuters.

13.35 | Rusia declara a "catástrofe humanitaria" en Mariupol e di que podería acontecer o mesmo en Kiev, Kharkiv e Sumy

Segundo informa Russia Today, o Ministerio de Defensa ruso vén de declarar unha "catástrofe humanitaria" en Mariupol, ao tempo que advirte dun "risco semellante" en Kiev, Kharkiv e Sumy. A situación humanitaria, afirma, é "desastrosa" en todo o país, e sinala que "máis de 142.500 persoas, entre elas 39.661 nenos e nenas", foron evacuadas da zona na que se están a librar os combates. Aliás, Rusia afirma ter habilitado "corredores humanitarios" para "facilitar a evacuación" das persoas que se atopan nestes 'puntos quentes' da guerra.

Un edificio da Universidade Nacional de Kharkiv foi bombardeado polas forzas rusas. Foto: Servizos de Emerxencia de Ucraína.
Un edificio da Universidade Nacional de Kharkiv foi bombardeado polas forzas rusas. Foto: Servizos de Emerxencia de Ucraína.

13.20 | Delegacións de Rusia e Ucraína manteñen un segundo encontro

A Axencia France-Presse (AFP) informa de que unha delegación de diplomáticos ucraínos se dirixe nestes momentos ao punto de encontro estabelecido en Belarús para manter unha segunda reunión con representantes do Goberno ruso.

12.20 | Rusia condenará con até 15 anos de prisión a difusión de "noticias falsas" sobre o Exército

O xornal ruso RBC informa da decisión que vén de adoptar esta quinta feira a Duma estatal de Rusia a respecto da "desinformación". A Cámara aprobou estabelecer unha pena de até 15 anos de prisión por "difundir noticias falsas sobre as Forzas Armadas de Rusia".

12.00 | Lavrov: "Cando os EUA dixeron que Iraq ameazaba a súa seguridade, alguén se preguntou por que?"

O ministro de Exteriores de Rusia, Serguéi Lavrov, vén de ofrecer unha rolda de prensa na que cuestionou a cobertura mediática que se está a dar sobre a guerra en Ucraína: "Algunha vez cubriron co mesmo entusiasmo a situación en Libia o Iraq, con milleiros de mortes civís? Cando os EUA anunciaron que Iraq era unha ameaza para a súa seguridade, alguén se preguntou por que razón os EUA decidiron 'pór orde' a máis de 10.000 quilómetros de distancia", dixo, e xustificou a invasión rusa alegando que "Putin declarou en repetidas ocasións que o inimigo xa chegou até as nosas fronteiras".

Por outra parte, apuntou: "Fálase da posibilidade dunha guerra nuclear, mais non por parte de Rusia, senón por parte da OTAN e máis Ucraína".

11.15 | A ONU eleva a 227 os civís mortos pola guerra en Ucraína

O Alto Comisionado da ONU para os Dereitos Humanos, encabezado por Michelle Bachelet, vén de elevar a 227 o "balance provisional" de persoas civís falecidas en Ucraína desde o inicio da invasión rusa o pasado 24 de febreiro.

Paralelamente, a comisaria europea de Interior, Ylva Johansson, vén de confirmar que "desde o 24 de febreiro, 575.100 persoas chegaron desde Ucraína a Polonia". "A Unión Europea debe prepararse para recibir a millóns de refuxiados que foxen da guerra", advertiu.

10.30 | Reportan 58 mortes no Donbás

A portavoz do Alto Comisionado da ONU para os Dereitos Humanos (Acnudh), Liz Throssell, vén de confirmar, en declaracións á axencia rusa Sputnik, que na última semana 40 persoas morreron no territorio do Donbás controlado por Kiev, e outras 18 nas zonas baixo control das milicias de Donetsk e Lugansk. Aliás, outras 198 resultaron feridas no conxunto da rexión.

10.20 | Zelenski: "Os ataques con mísiles e bombas nas cidades demostran que non conseguiron alcanzar nada significativo en terra"

O xornal ucraíno The Kiev Independent faise eco dunhas declaracións do presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, esta quinta feira: "Os ataques con mísiles e bombas de Rusia en cidades ucraínas son un recoñecemento de que eles non conseguiron alcanzar nada significativo en terra. Todas as liñas da nosa defensa están preservadas, o inimigo non ten éxito en ningunha das direccións estratéxicas".

08.55 | Kiev esperta entre fortes explosións

A axencia ucraína Unian e xornalistas presentes na zona aseguran que na madrugada da cuarta á quinta feira Kiev foi obxecto de até catro "fortes explosións", dúas delas "perto da estación de metro de Narodiv, a escasos cinco quilómetros da praza do Maidán, e moi perto dos edificios gobernamentais ucraínos". As alarmas volveron soar esta noite, alén de na capital, en cidades como Leópolis, Mykolaiv, Cherkasy, Odessa ou Zaporiyia.

08.10 | Conversas entre autoridades ucraínas e tropas rusas en Jérson, aínda en disputa

O alcalde de Jérson, Igor Kolijaiev, vén de informar a través do seu perfil de Facebook de que se mantiveron conversas no Concello coas tropas rusas. "Non lles fixen promesas, non podo prometer que só estou interesado na viabilidade normal da nosa cidade. Simplemente pedín que non disparen á xente. Non temos forzas armadas ucraínas na cidade, só civís e persoas que queren vivir aquí", dixo, ao tempo que negou que a cidade estea baixo control de Rusia.

Porén, o portavoz do Ministerio de Defensa ruso, Igor Konashenkov, asegurou esta cuarta feira, en declaracións recollidas pola axencia rusa Tass, que "as Forzas Armadas de Rusia fixéronse co control total da capital da provincia de Jérson", onde residen perto de 280.000 persoas.

07.50 | Oito mortos nos ataques aéreos en Kharkiv

Un informe das autoridades locais de Izium (Kharkiv) difundido pola axencia ucraína Unian apunta que na madrugada da cuarta á quinta feira se produciu un potente ataque aéreo sobre unha área residencial residencial que principiou "contra as 23.59 horas [hora local]" e que bateu cun edificio alto e unha vivenda. Ucraína eleva o balance de vítimas mortais a oito, entre elas dous cativos.

07.30 | As milicias de Donetsk afirman que o batallón Azov "non deixa saír á poboación civil de Mariúpol"

O líder das milicias da República Popular de Donetsk, Eduard Basurin, informou, segundo reporta Russia Today, que a cidade de Mariúpol, sobre a que as tropas rusas están a levar a cabo unha forte ofensiva, "experimenta problemas co subministro de auga e electricidade".

Así, sinalou que a urbe se converte nun "campo de concentración" por "culpa" dos militares ucraínos. En concreto, referiuse a que "unidades nacionalistas dos rexementos AzovPravy Sector non permiten saír á poboación civil de Mariúpol mediante un corredor humanitario".

Comentarios