Lula (48%) e Bolsonaro (43%) disputaranse a Presidencia do Brasil o vindeiro 30 de outubro

O candidato do Partido dos Trabalhadores (PT) obtén unha clara vitoria e queda a menos de dous puntos porcentuais de obter a maioría absoluta.
Lula da Silva e Jair Bolsonaro. (Fotos: Europa Press)
photo_camera Lula da Silva e Jair Bolsonaro. (Fotos: Europa Press)

Finalmente, si haberá unha segunda volta das eleccións presidenciais no Brasil o vindeiro 30 de outubro. Os comicios deste domingo, nos que estaban chamados a votar máis de 150 millóns de brasileiros e brasileiras, deixaron o candidato do Partido dos Trabalhadores (PT), Luiz Inácio Lula da Silva, como claro gañador, moi perto da maioría absoluta.

Con case 100% dos votos escrutados, Lula obtivo 48,43% das papeletas emitidas, más de 57 millóns de brasileiros e brasileiras. O seu rival e actual presidente, o ultradereitista Jair Bolsonaro, alcanzou 43,2% dos votos, uns 51 millóns de persoas. Xa moi lonxe quedou a candidata do Movimento Democrático Brasileiro (MDB), Simone Tebet, que só logrou 4,16% dos votos.

Os comicios estiveron marcados pola irrupción de Lula da Silva como gran favorito despois do seu paso polo cárcere por un presunto caso de corrupción, do que foi exculpado polas irregularidades no proceso xudicial. “Fun vítima da maior mentira xurídica contada en 500 anos de historia do Brasil”, denunciou no seu momento o ex presidente.

Agora, e coa sociedade brasileira dividida a nivel demoscópico entre as persoas partidarias de Lula e as do dirixente ultradereitista, a segunda volta de finais de outubro antóllase fundamental para certificar se o Brasil abandona definitivamente as políticas de extrema dereita aplicadas por Bolsonaro nos últimos catro anos.

Reaccións dos candidatos

Cos datos de escrutinio xa moi avanzados, Lula da Silva fixo un chamamento aos seus simpatizantes de cara ao 30 de outubro. “Mañá volvemos á campaña”, asegurou o ex presidente desde un hotel en São Paulo.

“Temos 28 días máis”, engadiu Lula, quen explicou que “será a primeira oportunidade de ter un debate cara a cara co actual presidente. Para que poidamos facer comparacións entre o Brasil que el construíu e o Brasil que construímos nós”.

Pola súa parte, Bolsonaro, que seguiu a evolución dos resultados desta primeira volta desde o palacio presidencial, afirmou que “hai un desexo de cambio por parte da poboación, pero hai certos cambios que poden ir a peor”. Nas últimas xornadas, o líder da extrema dereita brasileira sementara a dúbida sobre se recoñecería o resultado das eleccións no caso de non obter a vitoria.

Comentarios