O Brasil vota este domingo na primeira volta das xerais con Lula como claro favorito

As últimas sondaxes veñen mostrando unha clara tendencia á alza do candidato do PT, que parte cunha vantaxe superior a dez puntos porcentuais por riba de Bolsonaro en todas as enquisas.
Bolsonaro, Kelmon, D'Ávila, Thronicke, Lula da Silva, Tebet e Gomes esta sexta feira no último debate antes das eleccións (Foto: Victoria Segualdi).
photo_camera Bolsonaro, Kelmon, D'Ávila, Thronicke, Lula da Silva, Tebet e Gomes esta sexta feira no último debate antes das eleccións (Foto: Victoria Segualdi).

As eleccións xerais no Brasil vivirán a súa primeira volta mañá con até 11 candidatos á Presidencia do xigante suramericano. Non obstante, só dous deses candidatos teñen opcións reais -de acordo con todas as sondaxes publicadas até o momento- a alcanzar o posto de máximo mandatario: Luiz Inácio Lula da Silva, do Partido dos Traballadores (PT) e o actual presidente do país, Jair Bolsonaro, do Partido Liberal (PL). 

Esta sexta feira tivo lugar o último debate electoral antes dos propios comicios. A canle de televisión Globo foi a encargada de retransmitir esta contenda na cal foron convidados os sete candidatos mellor posicionados nas enquisas: Jair Bolsonaro, Lula da Silva, Ciro Gomes, Simone Tebet, Luiz Felipe D'Ávila, Padre Kelmon e Soraya Thronicke

O ton tenso e as acusacións case constantes entre Lula e Bolsonaro marcaron un debate que resumiu o que foi unha campaña tamén moi dura entre os dous grandes favoritos. 

As intervencións de Bolsonaro  xiraron case na súa totalidade ao redor das acusacións infundadas de corrupción ao ex presidente Lula. "O futuro da nossa nação está em jogo e não podemos deixar esse futuro nas mãos do chefe da mafia", manifestaba Bolsonaro ao tempo que o acusaba de "mentiroso, ex-presidiário e traidor da pátria".

Lula da Silva respondía a estas acusacións pedindo ao actual titular do Executivo brasileiro que "se comportasse como presidente". Durante as súas intervencións, o candidato do PT foi moi crítico coa xestión da pandemia por parte do Goberno de Bolsonaro e garantiu que mañá "o povo vai mandar o presidente Bolsonaro para casa".

Lula pode vencer xa en primeira volta

As últimas sondaxes veñen mostrando unha clara tendencia á alza do candidato do PT, que parte cunha vantaxe superior a dez puntos porcentuais por riba de Bolsonaro en todas as enquisas. De feito, segundo o último inquérito do Instituto de Inteligência em Pesquisa e Consultoria Estratégica (IPEC), Lula situaríase moi perto de lograr 50% dos sufraxios, o que lle outorgaría maioría absoluta e, por tanto, non sería preciso convocar unha segunda volta das eleccións. 

Porén, o até agora presidente Bolsonaro veu insinuando nas últimas datas que, se perder a Presidencia, a transición de poder non será totalmente pacífica. Nun acto de campaña decorrido en São Paulo, Bolsonaro asegurou que "se não ganho as eleições em primeira volta com, pelo menos, 60% dos votos, o reconto estará manipulado".

Ademais, nese mesmo acto de campaña, o líder do PL asegurou nun ton ameazante que "para mim só há três saídas após as eleições: a vitória, a cadeia ou a morte, e quem que conhece sabe que eu nunca passarei pela cadeia".

Para os opositores a Bolsonaro, estas declaracións mostran as súas verdadeiras intencións e revélanse perigosas sendo que, durante a súa presidencia, Bolsonaro foi capaz de gañar un importante apoio entre as filas do Exército brasileiro. Para alén diso, o presidente mostrou no seu día o apoio ao asalto do Capitolio nos EUA e ao non recoñecemento dos resultados electorais por parte de Donald Trump.

O funcionamento do sistema electoral brasileiro 

O sistema electoral brasileiro foi estabelecido na Constitución de 1988. Neste sistema, o voto é obrigatorio para as persoas entre 18 e 70 anos de idade e, para a elección do presidente do país utilízase o denominado 'sistema majoritário' en dúas voltas. Pódese chegar á Presidencia tanto na primeira ou na segunda volta; para que un candidato logre a vitoria na primeira volta, este precisa obter maioría absoluta, é dicir, como mínimo 50% dos sufraxios.

Se ningún candidato acumula 50% dos apoios, procédese a unha segunda volta. A esta convocatoria avanzan os dous candidatos máis votados na primeira volta e o gañador será aquel que logre maioría simple, é dicir, o que máis votos consiga entre os dous candidatos. Este sistema tamén se utiliza para os gobernadores e os alcaldes das grandes cidades.

Comentarios