O xiro progresista en Suramérica impulsa Lula

Achégase o comezo da campaña das eleccións á Presidencia, ao Congreso, ás Gobernacións e ás Asembleas estatais no Brasil. Desde hai meses, estes comicios pivotan arredor da volta do ex presidente Luz Inácio Lula, do Partido dos Trabalhadores, que podería obter o seu terceiro mandato presidencial e devolver a esquerda ao Goberno.
Lula Da Silva
photo_camera Lula Da Silva

Os resultados do máis recente estudo demoscópico brasileiro, o Datafolha, prestixioso instituto electoral do Grupo Folha, axústase ás conclusións da maioría das enquisas anteriormente publicadas sobre a intención de voto no Brasil e prognostica unha vitoria folgada de Luiz Inácio Lula da Silva. O inquérito sinala que Lula supera en 19 puntos en intención de voto ao actual presidente, Jair Bolsonaro (Partido Liberal), de cara ás eleccións presidencias do próximo 2 de outubro. A intención de voto a favor de Lula é de 47% e a de Bolsonaro 28%.

A media dos máis representativos traballos demoscópicos publicados este mes desvelan unha vantaxe de Lula de entre 8 e 16 puntos porcentuais na primeira volta con respecto a Bolsonaro, que aumentaría até un rango de entre 10 e 18 puntos na segunda volta. No tocante á progresión de intención de voto, os datos comparados entre os candidatos reflicten que desde comezos de 2021 Lula mantería unha vantaxe semellante á actual co presidente no caso de que decorreran de forma anticipada as eleccións presidenciais. Xa nas eleccións nas que Bolsonaro chegou ao Palácio do Planalto, Lula encabezaba as sondaxes até que o proceso legal -que acabou por anularse- dirixido polo xuíz e ministro na actual Administración, Sergio Moro, impediu que presentara a súa candidatura.

Por outra parte, de acordo coa enquisa de Datafolha, 53% da poboación non confiou en ningún momento no que expresa Bolsonaro.

Juntos polo Brasil

Marcando como pauta princIpal a “reconstrución” do Brasil tras a etapa de Jair Bolsonaro e de Michel Temer, que tomaron o poder após impeachment contra Dilma Rousseff, Luiz Inácio Lula da Silva (PT) e Geraldo Alckmin (Partido Socialista Brasileiro) lanzaron a base do seu programa de Goberno baixo a plataforma Juntos polo Brasil. Nun acto no que participaron representantes de todas as formacións que integran a coalición onda as forzas políticas dos candidatos a presidente e vicepresidente (o Partido Comunista, Verde, Solidariedade e a Rede de Sustentabilidade Socialismo e Liberdade), fíxose fincapé en que desde a presentación do documento a pasada terza feira comezou un proceso no que, por medio de comités populares, aplicacións tecnolóxicas e conversas cos distintos colectivos sociais e económicos, búscase redactar “o maior programa de Goberno participativo da historia”.

No texto faise énfase na “defensa da igualdade, da democracia, da soberanía e da paz”, apostando por un desenvolvemento económico sustentábel a nivel ambiental e que controle a suba dos prezos, pola xustiza social e polo recoñecemento da diversidade.

No plano económico, o foco ponse no fortalecemento da estrutura produtiva e das empresas estatais, acelerando a transición ecolóxica e desenvolvendo unha reforma tributaria que xere unha distribución da renda cara aos sectores sociais máis vulnerábeis.

Asemade, os candidatos comprométense a aumentar o salario mínimo e os dereitos laborais, e aplicar políticas que combatan o racismo e a lgtbifobia, ou protexan as comunidades indíxenas e poboacións tradicionais.

O Brasil hoxe

O 56% das arredor de 213 millóns de brasileiras e brasileiros sofren “inseguridade alimentar, con escaso ou ningún acceso a asistencia social”, mentres que no nivel máis grave, directamente de fame, atópanse 19 millóns de persoas, “afectando de modo desproporcionado a persoas afrodescendentes e indíxenas”, conclúe o informe sobre o país de Amnistía Internacional (AI). Ademais dos efectos das políticas económicas ultraliberais aplicadas por Bolsonaro, un exemplo paradigmático da xestión do mandatario de extrema dereita é o acontecido coa Covid-19, que provocou 670.000 mortes no país americano.

Un grupo de senadoras e senadores elaborou unha investigación e lanzou até nove imputacións contra o presidente por esa xestión, incluíndo crimes contra a humanidade por negacionismo, violación das medidas de prevención sanitaria, impor na sanidade pública remedios sen aprobación científica ou corrupción co material médico, polo que recomendou que fora enviado a xuízo con catro dos seus ministros.

Ademais, o Supremo Tribunal Federal prosegue unha investigación contra el por difundir novas falsas sobre a Covid, facilitando a súa propagación. Organizacións da sociedade civil estiman que a falta de políticas públicas axeitadas provocou 120.000 falecementos por coronavirus só no primeiro ano da pandemia.

Deforestación

Entidades como AI corroboran que o presidente “alenta a deforestación e a extracción de recursos naturais no Amazonas, agravando o impacto da crise climática nos territorios indíxenas”, ao expoñelos a “desastres, violencia e abandono”. Con todo, é a seguridade pública un dos ámbitos máis afectados pola súa xestión, cun aumento do 65% no acceso a armas de fogo, xusto no país que lidera a clasificación de mortes por disparos no mundo.

Comentarios