Arrinca a campaña electoral no Brasil: Lula avantaxa Bolsonaro nas enquisas

O ex presidente obtería unha cómoda vitoria nunha previsíbel segunda volta dos comicios que decorrerán en outubro.
Lula da Silva (PT), no inicio da campaña electoral no Brasil. (Foto: Roberta Aline / Zuma Press)
photo_camera Lula da Silva (PT), no inicio da campaña electoral no Brasil. (Foto: Roberta Aline / Zuma Press)

Nesta terza feira arrincou de forma oficial a campaña electoral de cara aos comicios do vindeiro 2 de outubro no Brasil, unha cita na que, segundo as últimas enquisas, o ex presidente Lula da Silva parte como favorito na candidatura que compartirá co noutrora gobernador de São Paulo Geraldo Alckmin como aspirante a vicepresidente.

Unha enquisa de Ipec, difundida por TV Globo horas antes de principiar a campaña, dá a Da Silva unha marxe de até doce puntos porcentuais sobre o actual presidente, con 44% dos sufraxios fronte a 32% que obtería Jair Bolsonaro, o actual presidente.

En terceiro lugar ficaría Ciro Gomes, do Partido Democrático Trabalhista, con 6%, e completarían a listaxe Simone Tebet (Movimento Democrático Brasileiro), con 2%, e Vera Lúcia (Partido Socialista dos Trabalhadores Unificado), con 1%.

Até o de agora Lula da Silva obtén nas enquisas unha porcentaxe de voto superior a 40% por termo xeral, mentres Bolsonaro queda con 30% de media. Así, os prognósticos apuntan que o candidato do Partido dos Trabalhadores non lograría a maioría absoluta e pasaría á segunda volta con Bolsonaro.

De feito, a práctica totalidade das sondaxes posteriores á anulación das condenas por presuntos delitos corrupción de Lula da Silva situárono en cabeza, o que provocou que o seu principal rival, a imitación de Donald Trump, intensificase os seus ataques ao sistema electoral pondo en dúbida a "fiabilidade" das urnas electrónicas.

Da Silva é a opción maioritaria entre a mocidade e as persoas con menos recursos económicos, alén de vencer nos distritos electorais do norte do país, sempre segundo as enquisas.

Bolsonaro, pola súa parte, esperta unha maior simpatía entre os homes adultos, evanxélicos e de rendas máis elevadas, o mesmo electorado que facilitou a súa vitoria en 2018.

No caso de se celebrar unha previsíbel segunda volta, a intención de voto sobe a 51% para Lula da Silva segundo as enquisas, fronte a 35% que acadaría Bolsonaro, 9% de sufraxios nulos ou en branco e perto de 5% que aínda non decidiu o sentido do seu voto.

Comentarios