As eleccións no Brasil marcan o bicentenario da independencia

Bolsonaro defende a ditadura militar de 1964 nos actos pola celebración dos 200 anos da independencia do Brasil, nos que organizou un evento coa cúpula militar dirixido aos seus simpatizantes, coas eleccións permanentemente de fondo.
Concentración no Brasil, onte. (Foto:  O Globo / GDA via ZUMA Press Wire / DPA)
photo_camera Público no Brasil nos actos polo bicentenario, nesta cuarta feira. (Foto: O Globo / GDA via ZUMA Press Wire / DPA)

Segundo a historiografía brasileira, o 7 de setembro de 1822, o daquela príncipe portugués, Pedro I, proclamou a independencia do país americano, rebelándose contra o seu pai, João VI de Portugal, ao constatar a intención de manter o Brasil rexido por relacións coloniais.

Malia ser unha república desde 1889, a figura do primeiro Emperador brasileiro é amplamente recoñecida no país ao impulsar a secesión, como proba a reclamación a Lisboa para que enviara o seu corazón en formol a Brasilia para a celebración do bicentenario da independencia, desde onde partirá hoxe para Porto. O órgano foi tratado polas autoridades brasileiras como un xefe de Estado.

Porén, as conmemoracións están moi marcadas polo proceso electoral no país, que terá a súa primeira volta o 2 de outubro, e nas que o ex presidente Lula da Silva (Partido dos Trabalhadores) conta con arredor de 10 puntos de vantaxe sobre Jair Bolsonaro (Partido Liberal), o mandatario actual.

“Bolsonaro e os seus seguidores converteron este no día máis importante de toda a campaña, polo que terá que ofrecer algo xugoso”, apuntou Brian Winter, vicepresidente de política do Americas Society/Council of the Americas, e sinalou que “todo o mundo quere saber se cruzará esa liña e creará unha auténtica crise institucional”, recolle AP.

Após integrar múltiples mandos militares no seu Executivo, Bolsonaro brindou ao Exército a posibilidade de protagonizar a xornada, e asistiu primeiro ao desfile militar en Brasilia, e logo a un novo acto organizado pola cúpula militar na praia de Copacabana, en Rio de Janeiro, no lugar no que habitúan manifestarse os seguidores do político de extrema dereita.

O evento incluíu fogo de canóns, exhibicións aéreas, lanzamento de paracaidistas e o fondeo á vista de buques de guerra da Armada do país. Xa no comezo da campaña, reclamou aos seus simpatizantes que saíran á rúa o Día da independencia para que os xuíces que tratan de procesalo “comprendan cal é a voz do pobo”.

Durante a xornada, Bolsonaro destacou que o “ben sempre vence o mal”, e puxo como exemplo 1964 e 2016, informa Meia Hora. O primeiro ano corresponde ao golpe de Estado dos militares, apoiados polos Estados Unidos, que iniciou unha ditadura de 21 anos. A segunda data é a destitución da presidenta progresista Dilma Rousseff tras unha persecución xudicial, que os seus defensores definen como un golpe de Estado brando.

Pola súa parte, Lula aseverou que “este 7 de setembro debería ser un día de amor e unión polo Brasil”.

Comentarios