Vía Galega recolle sinaturas para esixir a oficialidade das seleccións galegas

A campaña desenvolverase en 'change.org' e remata o 31 de maio.
Integrantes de Vía Galega entregaron en 2022 no Parlamento sinaturas para reivindicar a oficialidade. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Integrantes de Vía Galega entregaron en 2022 no Parlamento sinaturas para reivindicar a oficialidade. (Foto: Nós Diario)

O próximo día 31 de maio, a selección galega masculina de fútbol -a feminina continúa durmindo 'o soño dos xustos'- protagonizará o seu regreso á acción cun encontro amigábel fronte Panamá no Municipal de Balaídos, en Vigo.

Este regreso, que porá fin a unha inactividade de oito anos da Irmandiña, motivou Vía Galega, plataforma social en defensa dos dereitos nacionais da Galiza, a iniciar unha recollida de sinaturas en liña.

A campaña, que se levará a cabo empregando o portal Change.org -e ao que pode accederse premendo sobre esta ligazón- permanecerá aberta até o día do encontro da Irmandiña, ese antedito 31 de maio, ten como obxectivo reclamar "o dereito a podermos competir a nivel oficial e internacional coas seleccións deportivas galegas", determinar "de forma inmediata" un calendario estábel de competicións para as distintas Irmandiñas e estabelecer "competencias lexislativas plenas" para que os e as atletas do país "teñan máis oportunidades", remate a "subordinación" ás federacións españolas e, así, que a Galiza poida "amosarse como a nación que é". 

Segundo explican desde Vía Galega, todas as sinaturas recollidas serán trasladadas tanto ao presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, como ao seu homólogo na Real Federación Galega de Fútbol (RFGF), Javier Louzán.

"Fúrtasenos o dereito a competir como galegas"

A razón detrás desta iniciativa, indican desde a plataforma son variadas, enumerando "a marxinación da selección feminina", a "renuncia a fixar un calendario de encontros anuais" ou a "falta de ambición" para "conseguir que a Galiza teña dereito a competir coas súas seleccións deportivas absolutas a nivel oficial e internacional".

"Fúrtasenos un dereito que si exercen noutros países, como Gales, Escocia ou Illas Feroe, entre outros que,  sen ter tampouco estado propio, xogan internacionalmente coas súas seleccións, pero o máis preocupante é que a Xunta da Galiza nin sequera esixe competencias plenas no ámbito deportivo para poder", apostilan.

A causa última do problema, para Vía Galega, está na "configuración centralista e españolizadora do Estado". "Todo o que nos identifica como galegas e galegos obsérvase como un perigo polo españolismo. Esa é a razón pola que se nos nega un dereito tan elemental como é o de termos as nosas seleccións, porque representan a todo o pobo galego, alimentando o sentir e o orgullo de pertenza a unha nación", conclúe a plataforma social.

Comentarios