Tsunami Democràtic

A Fiscalía apela o envío ao Supremo da imputación de Puigdemont por non ter "fundamento ningún"

O xuíz García-Castellón tamén enviou unha solicitude a Suíza para que localice Marta Rovira, exiliada no país helvético, e remita información das súas contas bancarias.
O ex presidente catalán Carles Puigdemont nunha conferencia de prensa a comezos de novembro. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O ex presidente catalán Carles Puigdemont nunha conferencia de prensa a comezos de novembro. (Foto: Nós Diario)

Un día despois de que o xuíz da Audiencia Nacional española Manuel García-Castellón, vinculado co Partido Popular (PP), pedira ao Tribunal Supremo que imputara por terrorismo o ex presidente catalán Carles Puigdemont (Junts), a secretaria xeral de Esquerra Republicana de Catalunya e outras 10 persoas polas protestas no aeroporto Josep Tarradellas Barcelona-El Prat de Tsunami Democràtic, a Fiscalía anunciou hoxe que recorreu a resolución, que se produciu antes de que a Audiencia resolvera a primeira petición do Ministerio Público, que subliñaba que non había motivos para a imputación e moito menos por terrorismo, como pretende o maxistrado.

Na apelación, a Fiscalía denuncia a decisión de García-Castellón tras soster hai dúas semanas que “era necesario concretar con maior precisión a súa participación [dos imputados] nos feitos”, e recalca que a petición ao Supremo non ten “fundamento ningún” nin presenta “novos feitos acreditados” logo de non “practicarse ningunha dilixencia que recollera novos indicios de responsabilidade criminal”.

O xuíz acelerou o proceso xudicial dunha causa aberta hai catro anos cando era inminente a sinatura dun acordo de investidura entre o PSOE e Junts que incluiría a amnistía a casos de lawfare, o uso do sistema xudicial para perseguir opoñentes políticos, nunha manobra que buscaba impedir que Puigdemont e Rovira se beneficiasen da amnistía, chegando a atribuír a morte dun pasaxeiro por un infarto no aeroporto ás protestas, algo que non fixeran as investigacións da Policía catalá. Tampouco as pescudas da Garda Civil situaron o ex mandatario á cabeza de Tsunami Democràtic, algo que si fixo o maxistrado.

García-Castellón tamén enviou unha solicitude a Suíza para que localice Rovira, exiliada no país helvético, e remita información das súas contas bancarias. Á vez, 19 fiscais do Supremo cuestionaron que o fiscal xeral español, Álvaro García Ortiz, “ignorara deliberadamente” as acusacións de lawfare do acordo entre PSOE e Junts.

O propio Puigdemont afirmou que o sistema xudicial español “está abonado ao lawfare, que é unha palabra que lle dá un pouco de medo pero o describe perfectamente”, e achacou a súa imputación a “unha axenda política”. Tamén definiu a sesión sobre a amnistía de hoxe no Parlamento da Unión Europea (UE), convocada polo PP, como un “gran circo” que axuda a “internacionalizar aínda máis o conflito”.

Na súa intervención, o comisario de Xustiza da UE, Didier Reynders, sinalou que o Executivo da UE estará moi atento ao “desenvolvemento” da amnistía, e explicou que o equipo legal da Comisión Europea está a analizar o proxecto de lei presentado no Congreso.

Ángeles Moreno, secretaria de Estado de Asuntos Exteriores, defendeu no Pleno a constitucionalidade da norma e ratificou que se trata dun tema de competencia “exclusivamente” interna do Estado español.

O Consello de Ministras aborda o orzamento

Na primeira reunión do Consello de Ministras e Ministros do novo Gabinete español, a primeira medida aprobada foi unha orde para dar inicio á elaboración dos Orzamentos Xerais do Estado para 2024. A voceira do Executivo, a tamén ministra de Educación Pilar Alegría, recomendou ao PP que exerza unha oposición “construtiva”.

Comentarios