Luz verde á amnistía: o equipo xurídico do Congreso avala a constitucionalidade

Vox ameazara con denunciar o letrado maior.
Fernando Galindo. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Fernando Galindo, no centro. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

A Mesa do Congreso abordará mañá o Proxecto de lei orgánica de amnistía, que beneficia persoas independentistas represaliadas pola súa participación no proceso de autodeterminación catalá e os policías que trataron de evitar con violencia as votacións no referendo de independencia do 1 de outubro de 2017.

Fernando Galindo, letrado maior da Cámara baixa española, recalcou no seu informe que “carece de defectos formais que imposibiliten a súa admisión a trámite para o debate dos grupos políticos”. A ultradereitista Vox ameazara con denunciar Galindo de darlle o seu visto e prace á proposta.

Após declarar en 2021 como inconstitucional unha proposta de amnistía presentada no lexislativo por Esquerra Republicana de Catalunya e Junts, o equipo xurídico do Congreso sostén que a proposición actual posúe “elementos” diferenciais para aseverar que non se trata dun indulto xeral, como prohibe a Carta Magna, e reitera que calquera motivo de inconstitucionalidade só pode partir dunha “interpretación” da Constitución que “deberá levar a cabo o Tribunal Constitucional”.

A amnistía foi unha das exixencias das forzas catalás para apoiar a investidura de Pedro Sánchez, do PSOE, como presidente no Congreso.

Comentarios