Pinochetistas e progresistas disputaranse a Presidencia de Chile na segunda volta

As eleccións deste 2021 acaban coa hexemonía das forzas políticas tradicionais que dominaron a política chilena desde a fin da ditadura de Pinochet, e deixan unha segunda volta das presidenciais aberta entre os candidatos da esquerda e da extrema dereita, que terán que ampliar o seu electorado e mobilizar as persoas que se abstiveron para alcanzar a vitoria.
O candidato do Partido Republicano, José Antonio Kast, e o de Aprobo Dignidade, Gabriel Boric. (Foto: Matias Basualdo / ZUMA Press Wire / DPA e Vanessa Rubilar / SOPA Images via / DPA)
photo_camera O candidato do Partido Republicano, José Antonio Kast, e o de Aprobo Dignidade, Gabriel Boric. (Foto: Matias Basualdo / ZUMA Press Wire / DPA e Vanessa Rubilar / SOPA Images via / DPA)

José Antonio Kast, en representación do Partido Republicano, de extrema dereita, e Gabriel Boric, da coalición de esquerda Aprobo Dignidade, competirán o vindeiro 19 de decembro na segunda volta das eleccións presidenciais de Chile, que decidirán a persoa que lidere até 2026 o país, nun mandato que estará marcado polo debate e votación dunha nova constitución.

Na primeira volta, que decorreu este domingo xunta os comicios parlamentarios e de renovación parcial do Senado, impúxose Kast, que recibiu o 27,91% dos apoios, seguido de perto por Boric, co 25,83%.

Estes resultados acabaron co predominio das forzas tradicionais que se intercambiaron o poder desde o final da ditadura de Augusto Pinochet agrupadas en dous bloques: a Alianza, renomeada como Chile Vamos, que levou a Sebastián Piñera á Presidencia; e a Concertación, denominada na actualidade Novo Pacto Social.

No terceiro posto nas presidenciais deu a sorpresa Franco Parisi (Partido da Xente), co 12,80%. Parisi non pisou Chile durante toda a campaña -reside nos Estados Unidos- e aínda que o seu programa ten máis en común co da dereita preséntase como un antagonista da clase política, cunha proposta sobre todo personalista, polo que as e os seus votantes poderían quedar na casa na segunda volta, sinala La Tercera. Foi o máis votado no norte de Chile.

A menos de mil votos, en cuarta posición, situouse Sebastián Sichel, de Chile Vamos, co 12,79%, o candidato proposto polo presidente saínte; seguido de Yasna Provoste, co 11,61%, que competía polo Novo Pacto Social.

Fechando os resultados, ao 100% do escrutinio, Marco Enríquez-Ominami (Partido Progresista) fíxose co 7,61% e Eduardo Artés (Unión Patriótica) co 1,47%.

Kast, que gañou en 223 comunas concentradas no centro do país, anunciou ao coñecerse os datos que renunciaba a dirixir o Partido Republicano para aumentar os seus apoios de cara á segunda volta, “Chile merece paz e liberdade e iso é o que lle imos dar”, dixo.

“Temos que traballar pola unidade dos demócratas, quero contaxialos de enerxía e esperanza, non vai ser a primeira vez que partimos desde atrás”, afirmou Boric, convencido de imporse en decembro, tras ser o que máis sufraxios obtivo en 88 comunas, incluída a capital, Santiago.

Loita polos apoios para a segunda volta

Durante o vindeiro mes, ámbolos candidatos terán que buscar apoios entre o resto de candidaturas para facerse coa maioría, nunha loita que tamén inclúe mobilizar o abstencionismo, após unha participación do 47,3% nas presidenciais, apenas un 0,6% máis que hai catro anos.

Antes de chegar ao final do escrutinio, Provoste fixo público o seu apoio a Boric, declarando que “a nosa vontade non pode ser nunca unha vontade neutra de permitir o avance do fascismo que representa Kast”.

A afirmación da militante do Partido Demócrata Cristián foi seguida pola dirección do Partido Socialista, o Partido pola Democracia e o Partido Liberal -todos de Novo Pacto Social-, corroborando a posición definida por Provoste.

O académico da Universidade do Desenvolvemento, Miguel Ángel Fernández, explicou a El Mercurio que Kast terá que moderarse e “mobilizar os electores de Sichel e demostrar as similitudes co plan de Parisi”, mentres que Boric precisa “polarizar a elección nunha división autoritaria-democracia fronte a Kast” para captar os votos de Provoste, Enríquez-Ominami e Artés.

Porén, esta transferencia de votos non é directa. Desde o oficialismo, un dos primeiros en intervir foi o senador Manuel José Ossandón, que reclamou en La Cuarta moderación a Kast e aseverou que non o apoiará se non modifica o seu programa de goberno.

Eleccións lexislativas

No que atinxe á Cámara de Deputadas e Deputados de Chile, o progresismo mantén a maioría cuns resultados semellantes ás eleccións hai catro anos. Neste campo, o Novo Pacto Social e Aprobo Dignidade igualan con 37 escanos, 3 para Dignidade Agora e 2 para os Verdes.

Pola súa banda, os conservadores remataron o reconto con 53 asentos de Chile Vamos e 15 da Fronte Social Cristiá, na que se agrupa a forza de Kast e o Partido Conservador Cristián. Fóra destes bloques, un deputado independente completa os 155 escanos.

No Senado, que renovou pouco máis da metade dos integrantes, a dereita contará co 50% dos asentos (24 do oficialismo e 1 da Fronte Social Cristiá), con 18 senadoras e senadores do Novo Pacto Social e 5 de Aprobo Dignidade, que estarán acompañados de dous independentes que non forman parte dos grandes pactos.

Comentarios