Chile comeza a redacción dunha nova Constitución, a primeira após Pinochet

Poucos meses antes do 48 aniversario do golpe de Estado que rematou co Goberno de Salvador Allende, Chile comeza a librarse da pantasma de Augusto Pinochet coa instauración da Convención Constituínte, o órgano electo democraticamente en outubro pasado que ten a tarefa de redactar unha nova Carta Magna.
O pobo mapuche realizou unha cerimonia ás portas da Convención Constituínte o domingo. (Foto: Felipe Figueroa / SOPA Images via / DPA)
photo_camera O pobo mapuche realizou unha cerimonia ás portas da Convención Constituínte o domingo. (Foto: Felipe Figueroa / SOPA Images via / DPA)

O domingo 6 de outubro de 2019 entraron en vigor os novos prezos do metro en Santiago de Chile, cunha subida de 30 pesos chilenos (0,035 euros), que o Goberno chileno xustificou na alza do dólar e do petróleo.

A resposta primeiro do estudantado e logo da poboación xeral obrigou Sebastián Piñera, presidente de Chile, a decretar o 19 de outubro o estado de emerxencia. Tras un ano e 34 persoas mortas pola represión dos carabineiros, o pobo chileno votou para que se instaurara unha Convención Constitucional que rematará 40 anos despois coa Constitución de Augusto Pinochet, ex ditador, e que xerou boa parte dos problemas do Estado debido a, como sinala a politóloga Claudia Hess, “énfase excesiva na defensa da iniciativa privada”.

Ese texto, cunhas cláusulas que tornaban case imposíbel a súa modificación, ten cada día máis perto o seu final despois de que o pasado domingo tomaran posesión as 155 persoas elixidas para redactar a nova Constitución.

“Esta Convención Constitucional representa unha grande oportunidade para lograr eses acordos amplos e sólidos, que permitan dar orixe a unha Constitución que sexa recoñecida e respectada por todos os chilenos”, destacou Piñera na convocatoria da primeira xuntanza. “Vivamos este gran momento republicano con responsabilidade e con merecido orgullo”, salientou a ex presidenta Michelle Bachelet, actual Alta Comisionada das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos.

As e os convencionais constituíntes terán un ano para levar adiante un documento que deberá ser plebiscitado en 2022 para a súa aprobación definitiva. A composición maioritaria da Convención corresponde a forzas de esquerda e independentes progresistas, coa dereita moi lonxe do terzo de escanos que lle permitiría ter dereito a veto na nova Constitución. 

Un organismo paritario

Ademais do carácter paritario do organismo (77 mulleres e 78 homes), a Convención inclúe 17 asentos para os pobos indíxenas, que até o de agora nunca foron mencionados na Lei Fundamental, sete escanos para o pobo mapuche, dous para o aimará e un representante de cada uno do resto de nacións orixinarias: kawésqar, rapanui, yagán, quechua, atacameño, diaguita, colla e chango.

Na primeira decisión de calado da Convención -o primeiro proceso democrático de redacción de Carta Magna no Estado andino-  foi a elección da Presidencia da institución, en segunda volta e por maioría absoluta Elisa Loncón foi a elixida.

A selección de Loncón, académica, lingüista e activista polos dereitos do pobo mapuche, ofrece unha mensaxe clara da dirección das transformacións que a maioría dos convencionais confía en poder aplicar na nova Constitución, como a inclusión dos pobos indíxenas na concepción dun Estado no que até o de agora, a cultura europea se tomara como elemento homoxeneizador da cultura nacional.

“Quero agradecer a todo o pobo de Chile por votar por unha persoa mapuche e muller para cambiar a historia deste país”, expresou a nova presidenta en mapudungun (lingua mapuche) e castelán.

Neste proceso, o recoñecemento das linguas, as culturas e os territorios dos pobos orixinarios son varios dos asuntos que Loncón se comprometeu a impulsar, defendendo que a nova Constitución ten que reflectir a plurinacionalidade do Estado, así como liberar os presos políticos condenados pola súa participación nas protestas sociais.

A sesión inaugural da Convención estivo acompañada dunha marcha que confluíu no palacio do antigo Congreso Nacional de Chile, onde se desenvolverán as reunións da constituínte. Desde o progresismo, ameazouse coa suspensión no caso de que os carabineiros reprimisen a manifestación, acordándose a continuidade do pleno despois de pactar a inclusión no debate da situación das presas e presos políticos. De feito, posteriormente as eleccións de Loncón e Jaime Bassa (Fronte Ampla) como presidenta e vicepresidente respectivamente, anunciaron que o primeiro debate trataría sobre o indulto para as persoas detidas no contexto do estalido social

A Constitución chilena de 1980, feita para constrinxir "o goberno dos adversarios" 

Apenas 11 días despois do golpe de Estado do 11 de setembro de 1973, Pinochet creou unha comisión para redactar unha nova Constitución, que até marzo de 1981 non entrou en vigor. Jaime Guzmán, membro do Opus Dei e avogado da Universidade Católica, foi un dos ideólogos da ditadura, na altura da aprobación da Constitución de 1980 sinalou que o texto “debe procurar que se chegan a gobernar os adversarios, se vexan constrinxidos a seguir unha acción non tan distinta á que un mesmo anhelaría”.

Amais da defensa da iniciativa privada, permitindo e incentivando o lucro na prestación de servizos sociais, “a consecuencia foi declarar inconstitucionais proxectos de carácter redistributivo en temas de programas sociais”, indicou a politóloga Claudia Hess.

Comentarios