Ás 20 horas desta segunda feira (ás 12 da noite na Galiza), a Asociación Nacional de Televisión de Chile daba comezo ao último debate antes da primeira volta das eleccións presidenciais deste domingo, que abren un período que estará marcado polo debate e votación dunha nova Constitución.
Nun encontro no que participaron seis das sete candidatas e candidatos, por mor de que Franco Parisi (Partido da Xente) se atopa nos Estados Unidos tras dar positivo por Covid-19, as críticas principais estiveron dirixidas ao aspirante de extrema dereita, José Antonio Kast (Partido Republicano), que lidera as enquisas e reafirmou na campaña o seu apoio á ditadura de Augusto Pinochet.
Após Kast, o aspirante da coalición de esquerda Aprobo Dignidade, Gabriel Boric, foi o que tivo que empregar máis réplicas para responder as intervencións de Yasna Provoste (Unidade Constituínte), Sebastián Sichel (do oficialista Chile Vamos), Eduardo Artés (Unión Patriótica) e Marco Antonio Enríquez-Ominami (Partido Progresista).
Tanto Kast como Boric son, segundo os estudos demoscópicos previos á prohibición de publicar sondaxes, os candidatos con máis posibilidades de enfrontarse nunha segunda volta.
A lei electoral de Chile exixe máis do 50% dos sufraxios para que unha forza se faga coa Presidencia na primeira rolda, porén, non foron publicados datos que sitúen a ningunha persoa perto desas cifras, o que lembrou no debate Enríquez Ominami, “non se elixe presidente este domingo, elíxese quen pasa a segunda volta a enfrontar o Doutor Medo, José Antonio Kast”, antes de asegurar que “non se trata de elixir o máis simpático. Non quero extremistas, quero certezas”.
“A democracia deféndese sempre”, incidiu Boric, retrucando as acusacións da dereita por apoiar Cuba e Venezuela, e atacou Kast sinalando que “hai algúns que non lles gusta volver ao pasado porque quizais lles convén esquecer”.
Pola contra, Sichel tratou de achegar posturas con el de cara á segunda volta, interrompéndoo despois de atacar a comunidade LGBTI+, “José Antonio non sexas agresivo, non é preciso, temos que construír máis pontes entre nós”.
Durante o debate, o aspirante da extrema dereita recibiu a crítica do resto de participantes ao inquirir a presentadora Macarena Pizarro se estaba casada, na defensa dunha proposta para entregar axudas á vivenda só a mulleres neste estado civil.
Para as e os analistas do xornal El Mercurio, no debate impuxéronse Enríquez-Ominami e Sichel, con Boric moi perto. En todo caso, coincidiron en que o peor desempeño correspondeu a Kast. “Non son quen de explicar como encabeza as enquisas”, sostivo Max Colodro.
Enquisas
Con todo aberto para unha segunda volta programada para o 19 de decembro, a última sondaxe feita por AtlasIntel na primeira semana de novembro coloca Kast e Boric en cabeza, cunha porcentaxe estimada de sufraxios do 30% ao 27% e do 24% ao 22% respectivamente.
O terceiro lugar está disputado entre Sichel e Parisi, que se moven arredor do 12% de intención de voto, a máis de 10 puntos de Boric; seguidos de Provoste co 10%, Enríquez-Ominami co 6,5% e Artés co 3%.
O Senado debate a destitución do presidente Piñera
Tras a aprobación o 9 de novembro por parte do Congreso da acusación constitucional en contra do presidente Sebastián Piñera, o Senado comezou onte unha sesión que está previsto que se estenda até a madrugada. Se 29 das 43 senadoras e senadores -5 máis dos que ten a oposición-, que actúan coma xurado, votan a favor, Piñera será destituído, após vender unha empresa mineira nun paraíso fiscal cando xa era presidente en 2010.