O Congreso de Chile aproba a acusación para destituír o presidente nunha sesión maratoniana

Tras a aprobación da cámara baixa, o proceso de destitución chega ao Senado, que ten que aprobar por dous terzos os cargos contra Piñera para ratificar o final do seu mandato presidencial.

 

Aperta entre os deputados Giorgio Jackson e Jaime Naranjo, que interviu 15 horas para que puidera chegar á votación. (Foto: Twitter Alejandro Jofré)
photo_camera Aperta entre os deputados Giorgio Jackson e Jaime Naranjo, que interviu 15 horas para que puidera chegar á votación. (Foto: Twitter Alejandro Jofré)

Ás 10.24 (hora chilena, ás 14.24 na Galiza) desta segunda feira, o deputado do Partido Socialista de Chile Jaime Naranjo comezou a súa intervención na Cámara de Deputadas e Deputados, situada en Valparaíso, na sesión para debater e votar a aprobación da acusación constitucional para destituír o presidente, Sebastián Piñera.

A investigación en contra do xefe do Executivo andino nace da publicación dos Papeis de Pandora, que desvelaron como a empresa que desenvolvía mina Dominga -unha explotación de ferro e cobre próxima a unha Reserva Natural-,  propiedade da familia de Piñera até 2010, foi vendida por medio dunha transacción nas Illas Virxes Británicas -un paraíso fiscal- a un amigo da infancia do actual presidente, Carlos Alberto Délano, por 152 millóns de dólares (arredor de 132 millóns de euros).

Da xestión da compravenda encargouse unha empresa dos fillos de Piñera, que daquela xa levaba un ano do seu primeiro mandato presidencial. No contrato con Délano estabelecíase un pago de tres cotas, confirmou o Consorcio Internacional de Xornalistas de Investigación. O derradeiro pago, de 9,9 millóns de dólares, dependía de que non se creara unha zona de protección ambiental que obstaculizase a mina.

Esta cuestión era responsabilidade directa do Goberno de Piñera, que, malia a presión dos grupos en defensa do medio ambiente para impulsar a protección do territorio, negouse a facelo, garantíndose deste xeito o pago da última cota.

A intervención máis longa do hemiciclo

Para a oposición chilena e os partidarios da destitución, o positivo por Covid-19 de Gabriel Boric, candidato da coalición Apruebo Dignidad (AD) nos comicios do vindeiro 21 de novembro, dificultaba chegar aos 78 votos que marcan a maioría absoluta.

Por isto, o principal obxectivo de Naranjo era estender a súa intervención até que ás 12 da noite rematara a corentena do deputado Giorgio Jackson (AD), que tivera contacto con Boric na campaña electoral, polo que non chegaría até a 1 da mañá a Valparaíso. Naranjo estivo permanentemente vixiado polo oficialismo, disposto a forzar a votación se solicitaba un receso ou deixaba de falar, informou El Mercurio.

Cando levaba sete horas de intervención, o deputado Jorge Sabag (Partido Demócrata Cristiano), advertía que non se sentía ben e acababa de facerse unha proba PCR -deu negativo-, polo que non saíra de Chillán. Despois da chamada da súa formación, Sabag dirixiuse cara a Valparaíso, onde tivo que esquivar a unha comisión de saúde que intentaba evitar que accedera á Cámara, apunta La Cuarta.

Con Sabag e Jackson xa no seu asento, Naranjo rematou a súa intervención parlamentar tras 15 horas e 2 minutos, con apenas dúas pausas de 15 minutos decretadas pola Presidencia conservadora da Cámara.

O avogado de Piñera, Jorge Gálvez, asumiu entón a defensa do mandatario, alongando até cinco horas a súa declaración, polo que a sesión non rematou até a mañá da terza feira. 22 horas após o comezo chegou a votación: 78 votos a favor da acusación constitucional, 67 en contra e tres abstencións envían ao Senado o proceso de destitución.

O Senado decidirá o veredicto dos cargos ao presidente

Agora é a quenda do Senado de Chile, que actuará como xurado. Para que Piñera sexa destituído a acusación ten que ser votada por 29 senadoras e senadores, cinco máis dos que ten a oposición, que está obrigada a procurar dentro do oficialismo o resto de apoios até os dous terzos.

A diferencia do que acontece con outros cargos, despois da aprobación da Cámara á acusación constitucional o presidente poderá continuar exercendo as súas funcións, mais terá prohibido saír do país.

O seguinte paso no proceso é a notificación a Ximena Rincón, presidenta do Senado, que terá de catro a seis días para fixar a data da audiencia, na que unha delegación da Cámara defenderá a acusación. Se finalmente dá luz verde, Piñera será destituído e inhabilitado para ocupar un cargo público cinco anos.

Comentarios