A 'Revolución dos 30 pesos' xa dá froitos

Onte, segundo aniversario do inicio da insurrección, comezou a redacción da nova Constitución de Chile.
EuropaPress_3827781_04_july_2021_chile_santiago_members_of_mapuche_people_with_costumes_stand
photo_camera Á dereita da imaxe, Loncón, presidenta da Convención Constituínte, con outras dúas representantes mapuche no acto inaugural de xullo (Foto: Matias Basualdo / ZUMA)

O 18 de outubro de 2019, hai onte dous anos, marcou o inicio das maiores mobilizacións sociais da historia recente de Chile. Comezaron como unha protesta contra a suba do prezo do transporte público, mais desembocaron en denuncias máis amplas en contra da desigualdade social e a favor dunha nova Constitución. 

O rol das forzas de seguridade, especialmente dos Carabineros, foi posto en dúbida. O Instituto Nacional de Dereitos Humanos (INDH) rexistrou máis 3.000 vítimas por abusos entre outubro de 2019 e marzo de 2020. A represión das protestas deixou un saldo de máis de 30 mortes e miles de persoas feridas, con case 500 con danos oculares por impacto de balas de goma ou outros proxectís.

O director do INDH, Sergio Micco, volveu insistir este domingo, nunha entrevista publicada en La Tercera, que no marco dese estalido social "se violaron" os dereitos humanos e que os axentes teñen responsabilidade "penal individual, civil e institucional".

A xustiza chilena abriu casos contra 136 persoas, con só catro condenas. "O presidente [Sebastián Piñera] dixo ante a Asemblea Xeral da ONU que o Estado ía tomar todas as medidas para que non houbese impunidade en Chile nos casos de violación aos dereitos humanos", mais non se tomaron, segundo o INDH. "Hoxe en Chile estamos máis perto da impunidade que da verdade e da xustiza", advertiu Micco.

Neste sentido xa se pronunciara en decembro de 2020 a oficina da Alta Comisionada da ONU para os Dereitos Humanos, a ex presidenta chilena Michelle Bachelet. "A partir do 18 de outubro [de 2019] produciuse un elevado número de violacións graves aos dereitos humanos", apuntou.

Onte foi un día especial. Convocáronse máis de medio cento de marchas en diferentes puntos do país para conmemorar aquela insurrección, e ás 17 horas (22 horas galegas) estaba prevista unha gran marcha cara ao Palacio da Moeda, sede do Goberno. Pouco antes, ás 15 horas locais, deron comezo os traballos de redacción da nova Carta Magna, o gran logro da "Revolución dos 30 pesos".

"Non son 30 pesos, son 30 anos", era unha das pintadas máis populares nas rúas da capital, Santiago de Chile, durante aqueles días de protestas: en relación á suba do prezo do metro e en relación aos 30 anos desde a fin da ditadura de Augusto Pinochet (1973-1990), mais cunha Constitución vixente, elaborada durante aquel período, que segundo os manifestantes perpetuou as desigualdades.

Tensión en Wallmapu

Onte tamén se fixeron 100 días do inicio dos traballos da Convención Constituínte, encargada da redacción e composta por 155 membros electos en maio: 81 mulleres e 74 homes, con maioría para o grupo dos independentes saídos das protestas. Do total, 17 estaban reservados de inicio aos pobos orixinarios, con maioría mapuche, como a presidenta da Convención, Elisa Loncón. 

Un pobo mapuche que está en pé de guerra. O pasado 12 de outubro, data especialmente simbólica, Piñera decretou o estado de excepción na chamada Macrozona Sur ─a rexión da Araucanía e outras provincias, correspondentes co territorio histórico Wallmapu─ tras as últimas protestas deste pobo que desde hai anos reclama as terras ancestrais, en poder de terratenentes e de empresas forestais na actualidade. 

Comentarios