A dereita, sen veto na Constitución chilena

A esquerda independente xurdida do estalido social abrolla con forza.
EuropaPress_3715430_jornada_votacion_chile (1)
photo_camera Ademais das constitucionais tamén houbo rexionais e municipais. (Foto: Matias Basualdo / Zuma)

A elección dos 155 membros ─81 mulleres e 74 homes─ da Convención Constituínte encargada de redactar a nova Constitución chilena ratificou o xiro netamente progresista vivido no país tras o estalido social de outubro de 2019. Con case 100% escrutado onte pola tarde, confirmouse que a dereita chilena ─agrupada baixo o paraugas da coalición Vamos por Chile─ non logrou o obxectivo dun terzo dos representantes.

Esta cifra é especialmente relevante dado que cada un dos artigos da nova Carta Magna ─que durante a negociación poderán ser escrutados pola opinión pública a través das redes sociais─ deberá ser referendado por dous terzos dos 155 membros. Polo tanto, en caso de acordos por parte do abano de esquerda e centroesquerda, ao que se podería sumar a representación indíxena, a dereita carecería de posibilidade de veto.

Unha viraxe de 180 graos con respecto á actual Constitución, aprobada en 1981 durante a ditadura militar de Augusto Pinochet (1973-1990). En concreto, os 155 membros repartíronse entre Independentes (49, a maioría saídos das protestas nas rúas), Vamos por Chile (36), Aprobo Dignidade (28), Lista do Aprobo (25) e Pobos Orixinarios (17, reservados de inicio á comunidade indíxena, con maioría mapuche). A participación foi de 41%.

A lista de Aprobo Dignidade está formada pola formación de esquerda Fronte Ampla e polo Partido Comunista, en tanto que da Lista do Aprobo fan parte os partidos da ex coalición de centro esquerda que gobernou entre 1990 e 2010, Concertación: Partido Socialista, Democracia Cristiá, Partido Radical e Partido pola Democracia.

Segundo explicou TVN, a televisión pública chilena, o grupo electo terá nove meses para elaborar o novo texto, período que pode ser prorrogábel por unha única vez tres meses. É dicir, no prazo máximo dun ano a proposta deberá ser presentada para o seu referendo en 2022.

Camiño ás presidenciais

"Non estamos a sintonizar adecuadamente coas demandas da cidadanía", recoñeceu na noite do domingo o presidente do país, Sebastián Piñera, ante o pésimo resultado da lista conservadora en que se integra o seu partido, Renovación Nacional, debido en gran medida aos baixos niveis de aprobación do mandatario (9%).  

"Déronnos por mortos e aquí estamos, máis vivos que nunca. Agora a facerse cargo, non hai espazo para soberbias, divisións nin parvadas", escribiu onte en Twitter Gabriel Boric, líder da Fronte Ampla, en referencia tamén ao fracaso das enquisas, que apuntaban unha vitoria das forzas máis moderadas. 

"Ábrese a posibilidade de ter unha Constitución que dea ferramentas para pór fin ás desigualdades e aos abusos. Que consagre un estado social e de dereito", sinalou pola súa banda o líder do PS, Álvaro Elizalde, nunha entrevista onte na emisora Futuro.

Heraldo Muñoz, precandidato presidencial do Partido pola Democracia, foi máis autocrítico co resultado xeral obtido polos partidos tradicionais e salientou o éxito dos candidatos independentes. É "un cuestionamento severo da clase política", sinalou o ex ministro de Exteriores chileno.

Canda ás constitucionais, tamén se desenvolveron comicios municipais e rexionais. Daniel Jadue, do Partido Comunista e un dos favoritos á Presidencia do país, foi reelixido alcalde da comuna de Recoleta, en Santiago de Chile.

Precisamente, antes de que se culmine o proceso constituínte, Chile deberá elixir o substituto de Piñera. Será o 21 de novembro, en primeira volta, e o 19 de decembro, de ser necesario, en segunda. 

A 'machi' Linconao, de "terrorista" a redactora da Carta

Para a elección dos 17 membros dos pobos orixinarios, emitíronse 209.669 votos. Francisca Linconao foi a máis votada con 15.567. Esta machi (sacerdotisa encargada das cerimonias de curación) foi a primeira mapuche en gañar un xuízo pola protección do seu rewe (especie de altar relixioso). Foi perseguida polo Estado, acusada de terrorismo e estivo en prisión, onde mantivo unha folga de fame. Finalmente foi absolta de todo delito.

Canda a ela, foron elixidas outras cinco mulleres e un home mapuches. Tamén, unha muller e un home aymara, unha rapanuí, unha atacameña, un quechua, unha colla e unha diaguita.

Comentarios