As enquisas dan cada vez máis vantaxe a Lula na primeira volta das eleccións presidenciais do Brasil

Na segunda volta, o ex presidente obtería máis de 50% dos votos.
Lula e Bolsonaro nun debate. (Foto: Europa Press)
photo_camera Lula e Bolsonaro nun debate. (Foto: Europa Press)

Unha nova enquisa difundida na noite desta segunda feira no Brasil pola consultora Ipec dá unha vantaxe de 13 puntos ao candidato do Partido dos Trabalhadores, Luiz Inácio Lula da Silva, con respecto ao líder do Partido Liberal e máximo dirixente do país, o ultradereitista Jair Bolsonaro, na primeira volta das eleccións presidenciais que decorrerá o vindeiro 2 de outubro.

Segundo este inquérito, Lula da Silva aumenta a súa vantaxe nun punto porcentual con respecto á mesma enquisa da semana pasada. Se ben o candidato do PT mantense en 44% de votos, Bolsonaro baixou nos últimos sete días de 32% a 31%.

De cara á segunda volta, os apoios ao ex presidente do Brasil aumentarían até 52%, obtendo a maioría absoluta, fronte a 36% de Jair Bolsonaro. Na enquisa da semana pasada, estas porcentaxes situábanse en 50% e 37%, respectivamente, polo que a vantaxe aumentou dos 13 aos 17 puntos porcentuais.

A enquisa tamén mostra que, na primeira volta, o resto de candidatos e candidatas quedarían da seguinte maneira: en terceiro lugar, o ex ministro Ciro Gomes, do Partido Democrático Laborista, con 8% dos votos; e a senadora Simone Tebet, do Movemento Democrático Brasileño, con 4%.

Tendencias nas enquisas

Até o de agora Lula da Silva obtén nas enquisas unha porcentaxe de voto superior a 40% por termo xeral, mentres Bolsonaro queda con 30% de media. Así, os prognósticos apuntan que o candidato do Partido dos Trabalhadores non lograría a maioría absoluta e pasaría á segunda volta con Bolsonaro.

De feito, a práctica totalidade das sondaxes posteriores á anulación das condenas por presuntos delitos corrupción de Lula da Silva situárono en cabeza, o que provocou que o seu principal rival, a imitación de Donald Trump, intensificase os seus ataques ao sistema electoral pondo en dúbida a "fiabilidade" das urnas electrónicas.

Da Silva é a opción maioritaria entre a mocidade e as persoas con menos recursos económicos, alén de vencer nos distritos electorais do norte do país, sempre segundo as enquisas.

Bolsonaro, pola súa parte, esperta unha maior simpatía entre os homes adultos, evanxélicos e de rendas máis elevadas, o mesmo electorado que facilitou a súa vitoria en 2018.

Comentarios