50 Estados do mundo van ás urnas en 2022

Entre referendos, parlamentarias e presidenciais, arredor de 50 Estados de todo o mundo van ás urnas en 2022. Malia que non todos contan cunha data fixada, abordamos as principais eleccións nos cinco continentes, coa vista posta en América, onde Colombia e o Brasil poden confirmar a nova etapa progresista.
Forzas progresistas poden ratificar en América Latina o novo ciclo político (Foto: Europa Press).
photo_camera Forzas progresistas poden ratificar en América Latina o novo ciclo político (Foto: Europa Press).

Medio centenar de territorios dos cinco continentes teñen previsto desenvolver comicios estatais en 2022. A nivel continental, un dos focos principais está posto en América Latina, non tanto polo número de procesos como pola significación e os cambios rexionais que pode supor unha consolidación dos Gobernos progresistas, que recuperarían a iniciativa despois da hexemonía da que gozaron na década de 2000.

África

Malí acudirá ás urnas o 27 de febreiro co fin de procurar un novo presidente e seleccionar un parlamento que brinde estabilidade a un país que sufriu tres golpes de Estado na última década. O último en maio do pasado ano, cando o Exército derrocou o Goberno de Ba N'Daou.

En Kenya, un dos países máis estábeis na rexión malia a inestabilidade dos seus veciños nos últimos tempos, marcadamente Somalia, Etiopía e Sudán do Sur, votarán o 9 de agosto nunhas eleccións xerais para o Lexislativo e a Xefatura de Estado.

O último proceso con data marcada é o de Tunisia o 17 de decembro. A lexitimidade dos comicios está en dúbida, despois de que Kais Saied, presidente do país, suspendera o Parlamento até as eleccións, o que a oposición cualificou de golpe de Estado.

Aínda sen data, Angola e o Sudán son os últimos Estados do continente que contan con efectuar votacións para a presidencia. No Sudán, este proceso remataría coa transición que comezou ao abandonar Omar Al-Bashir o territorio en 2019. O sufraxio está en dúbida polo golpe de Estado militar en 2021. A pesar dos acordos posteriores coas antigas autoridades, as forzas democráticas continúan a reclamar que o Exército abandone o poder e o entregue ás forzas civís.

América

A vitoria das candidaturas de esquerda nos últimos anos en Estados como Arxentina, Bolivia, Chile, Honduras, México ou o Perú abre a porta a un novo ciclo progresista na rexión. Neste ano, todas as olladas están postas en Colombia e o Brasil, que poden ratificar o predominio das políticas transformadoras.

Costa Rica acollerá os primeiros comicios o 6 de febreiro, nos que amais de renovar o liderado do país elixirá as 57 integrantes do Lexislativo. A estas alturas, as sondaxes destacan a primacía das persoas indecisas, arredor do 60% do electorado.

O 29 de maio decorrerá a primeira volta das eleccións presidenciais en Colombia, se ningunha candidatura obtén a metade máis un dos votos válidos todo se decidirá nunha segunda volta o 19 de xuño. Nas enquisas que se publicaron até o de agora o ex alcalde de Bogotá, Gustavo Petro, encabeza as preferencias con 25% da intención de voto. A coalición na que se integra, o Pacto Histórico por Colombia, impulsará unhas primarias para decidir a persoa que principia a candidatura.

No Brasil, Luiz Inácio Lula da Silva lidera todos os estudos demoscópicos, con posibilidades de recuperar a Presidencia para o Partido dos Trabalhadores na primeira volta do 2 de outubro, ao sacar máis de 20 puntos ao presidente actual, Jair Bolsonaro. De precisar segunda volta, a votación sería 30 de outubro.

A última elección prevista no sur do continente producirase en Chile, co plebiscito nacional para votar a nova carta magna que está a redactar a Convención Constituínte, e que aínda non ten data definida. O mesmo acontece en Haití, onde agardan a confirmación dos comicios presidenciais e lexislativos tras o asasinato do mandatario Jovenel Moïse.

No norte, o 8 de novembro os Estados Unidos de América anovarán de maneira parcial o Senado e integramente a Cámara de Representantes, nunha proba de lume para medir o apoio a Joe Biden na metade do seu mandato, após anunciar que buscará a reelección en 2024.

Asia

A República de Corea ten marcado no calendario o 9 de marzo, cando terán que elixir un novo mandatario ao non poder recuncar o progresista Moon Jae-in, partidario do achegamento á República Popular e Democrática de Corea. O conservador Partido do Poder Popular imponse a estas alturas na inmensa maioría das enquisas.

Exactamente dous meses despois, o 9 de maio, é a quenda de Filipinas, dun golpe votarán pola Presidencia, a Cámara de Representantes e a metade do Senado. O fillo do ditador Ferdinand Marcos, Ferdinand Marcos Junior, encabeza as sondaxes nunha candidatura na que Sara Duterte -filla do presidente Rodrigo Duterte- opta á vicepresidencia.

Amais da renovación presidencial na India -Ram Nath Kovind transmitiu que non repetirá-, Timor Leste é o outro país do continente que terá eleccións á Xefatura do Estado. Sen data definida, a Frente Revolucionária de Timor Leste Independente intentará manter a Presidencia que agora ocupa Francisco Guterres.

Europa

Os primeiros comicios programados no territorio europeo efectuáronse en Serbia. O 16 de xaneiro decidiron en referendo se aproban as modificacións constitucionais para adaptar o sistema xudicial ás normas da Unión Europea. Pouco despois, o 3 de abril, volverán ás urnas nas presidenciais, nas que Aleksandar Vučić intentará manter o liderado do país.

Sen saír dos Balcáns, Eslovenia e Bosnia-Herzegovina escollerán novo parlamento o 24 de abril e 2 de outubro respectivamente.
En Portugal, será o 30 de xaneiro cando abran os centros de votación das lexislativas. O actual presidente, António Costa (Partido Socialista), pugna polo primeiro posto co líder do Partido Social Demócrata, Rui Rio.

Xa o 10 de abril, serán as francesas e franceses os que determinen quen ocupará o Pazo do Elíseo de Francia, co presidente Emmanuel Macron loitando por manter o posto. No caso de que ninguén obteña a maioría na primeira volta, o 24 de abril será a elección definitiva.

Outro dos Estados chamados a votar é Hungría. O primeiro ministro, Viktor Orban, procura continuar no cargo nun proceso no que as datas están aínda por anunciar. Amais, Suecia e Letonia prevén unha renovación do parlamento cara ao final do ano.

Oceanía

Na rexión insular os comicios máis determinantes son os que organiza Australia o 21 de maio, constituíndo unha nova Cámara de Representantes e elixindo 40 dos 76 escanos do Senado. O primeiro ministro Scott Morrison busca un cuarto mandato da coalición entre o Partido Liberal e o Partido Nacional. Tamén Papúa Nova Guinea terá que efectuar unhas eleccións lexislativas, das que sairá o primeiro ministro.

Comentarios