O Partido dos Trabalhadores do Brasil aproba o binomio Lula-Alckmin

O PT vén de aprobar o binomio Lula-Alckmin para concorrer ás vindeiras eleccións presidenciais. Ademais, a dirección nacional deste partido tamén aprobou a alianza con socialistas, comunistas e ecoloxistas para facer unha fronte común.
Geraldo Alckmin (PSB) acompañará Lula da Silva (PT) nas eleccións presidenciais do Brasil. (Foto: Ricardo Stuckert)
photo_camera Geraldo Alckmin (PSB) acompañará Lula da Silva (PT) nas eleccións presidenciais do Brasil. (Foto: Ricardo Stuckert)

A dirección nacional do Partido dos Trabalhadores de Brasil (PT) vén de avalar o nomeamento de Luiz Inácio 'Lula' da Silva como candidato para as próximas eleccións presidenciais xunto ao ex gobernador de Sao Paulo, Geraldo Alckmin, do Partido Socialista Brasileiro (PSB), acompañándoo para postular á Vicepresidencia. 

O binomio foi aprobado por 68 votos a favor, 13 en contra e tres abstencións nunha asemblea na que tamén se aprobou a coalición co Partido Comunista do Brasil (PCdoB) e o Partido Verde (PV) nunha mesma fronte para concorrer ás eleccións.

A alianza atópase actualmente aberta a novas adhesións de forzas políticas que manteñan o seu compromiso cando menos por catro anos. Agora, a decisión tomada polos 90 membros da Dirección Nacional do PT debe ser ratificada polo Tribunal Superior Electoral.

A presidenta nacional do Partido Comunista, Luciana Santos, manifestou que esta unión de partidos fai "historia": "Un feito polo que vimos loitando desde hai máis de dúas décadas e que contribuirá á democracia e á unidade programática do sistema de partidos en Brasil", valorou Santos, tamén vicegobernadora de Pernambuco.

Pola súa banda, Alckmin afirmou que xunto a Lula ten "un único obxectivo: servir ben ao pobo brasileiro", á vez que convidou á participación cidadá "en defensa da democracia e traballando a favor do Brasil".

Lula propón un Ministerio dos Pobos Indíxenas

O líder do PT falou esta semana ante miles de indíxenas de Brasil no Campamento Terra Livre, que decorreu en Brasília, onde anunciou que, en caso de volver gobernar, crearía un Ministerio dos Pobos Indíxenas.

"E agora vostedes déronme unha idea. Se creamos o Ministerio de Igualdade Racial, o Ministerio de Dereitos Humanos ou o Ministerio de Pesca, por que non podemos crear un ministerio para discutir temas indíxenas?", dixo Lula.

comentarios