China critica o recurso á forza por Estados Unidos no “globo espía”

O Goberno chinés sinala que o aparello era un “dirixíbel civil”

globo chinés

Dous avións de combate F-22 do Exército estadounidense derrubaron este sábado o que o Pentágono cualificou como globo espía chinés, que sobrevoou o territorio de EUA estas últimas horas.

Así o confirmou a Administración de Estados Unidos a AP, que indicou que o aparello, que sobrevoou "zonas militares sensíbeis" do país, foi abatido perto da costa de Carolina, a rexión dividida entre os estados de Carolina do Norte e Carolina do Sur.

 Poucos minutos antes, a Administración Federal de Aviación (FAA) estadounidense restrinxira temporalmente a actividade nos aeroportos de Wilmington, Myrtle Beach e Charleston, nos Estados de Carolina do Norte e Carolina do Sur, para realizar “iniciativas de seguridade nacional”, segundo explicou o organismo nas redes sociais.

China xa expresou o seu “firme descontento e oposición cara a uso da forza por parte de EUA”.

O Ministerio de Relacións Exteriores de China criticou o uso da forza por parte de Estados Unidos para derrubar un “dirixíbel chinés non tripulado de uso civil”

A través dun comunicado, o Ministerio reiterou que a parte estadounidense foi informada en repetidas ocasións de que a entrada do dirixíbel civil no espazo aéreo estadounidense produciuse de forma non intencional por causas de forza maior.

China asegura ademais que pedira a Estados Unidos manexar o caso de maneira adecuada, e que Washington, pola súa banda, admitiu que o globo non representaba ningunha ameaza para as persoas en terra.

Comentarios