Extraterrestres tras a crise dos obxectos voantes? Desde o Pentágono afirman que non se pode descartar

"Non descartamos nada neste momento. Chamámolos obxectos, e non globos, por unha razón", defende un xeneral estadounidense.
Un caza F-22 Raptor estadounidense. (Foto: Sra Joseph Leveille / Contacto Photo)
photo_camera Un caza F-22 Raptor estadounidense. (Foto: Joseph Leveille / Contacto Photo)

Medra a incerteza en relación ao que se deu en chamar 'crise dos globos', logo de que a Casa Branca ordenase derrubar o pasado 2 de febreiro un suposto globo espía chinés —un globo meteorolóxico, segundo Beijing— que sobrevoaba territorio estadounidense. Desde entón, o Goberno de Joe Biden deu conta da detección —e abatemento— de até tres obxectos voantes non identificados (ovni) e a China informaron doutro esta fin de semana. Tamén Colombia notificou a presenza dun globo que percorría polo ar América Latina a comezos de mes que era "de uso civil" e que entrou neste espazo aéreo "accidentalmente", dixeron as autoridades chinesas.

A diferenza do primeiro globo derrubado polos EUA, descoñécese a orixe destoutros achados. "O globo espía da China era, por suposto, diferente no sentido de que sabiamos exactamente que era. Estes obxectos máis recentes non representan unha ameaza militar cinética, pero o seu camiño na proximidade de sitios sensíbeis do Departamento de Defensa e a altitude á que voaban poderían ser un perigo para a aviación civil e, por tanto, xeraron preocupación", precisou a secretaria adxunta de Defensa, Melissa Dalton.

Son, a todos os efectos da súa definición, ovnis: obxectos que sabemos que voan, mais non podemos identificalos. Porén, no imaxinario colectivo este termo está cheo de connotacións que nos levan a pensar no que Hollywood nos presenta con insistencia como ovnis, esas naves pilotadas por seres de aparencia non humana que viaxan entre galaxias á velocidade da luz. E desde o propio Pentágono hai quen alimenta a 'conspiranoia'.

Na rolda de prensa deste domingo, o xeneral da Forza Aérea estadounidense Glen D. VanHerck topouse cunha curiosa pregunta formulada por unha xornalista de The New York Times: "Dado que aínda non nos puideron dicir que son esas cousas ás que disparamos no ceo, descartaron xa alieníxenas ou extraterrestres? E, se é así, por que? Porque iso é o que nos pregunta agora todo o mundo".

A resposta do alto cargo militar non fixo outra cousa que enlear aínda máis o misterioso suceso: "Non se descarta nada neste momento. Deixarei que Intelixencia o averigüe. Chamámolos obxectos, e non globos, por unha razón", dixo. Porén, segundo recolle ese mesmo xornal, outros funcionarios de Seguridade Nacional si rexeitaron que a orixe dos ovnis fose algún tipo de incursión extraterrestre.

Un informe publicado pola Intelixencia estadounidense o mes pasado apuntaba que, de 366 ovnis detectados no seu espazo aéreo, perto da metade (163) foron identificados finalmente como globos. "O que está a suceder agora é que se utiliza tecnoloxía de baixo nivel para acosar os Estados Unidos", sostén en declaracións a The New York Times o que fora responsábel do 'programa OVNI' do Pentágono até 2017, Luis Elizondo.

Porén, segundo o mesmo documento, son 171 os obxectos albiscados no ceo que non se identificaron como globos, drons ou outros elementos e que, polo tanto, non se lles puido atribuír ningunha causa concreta. Desde Beijing e Washington, a pesar de todo, as primeiras pescudas procuran unha explicación de orixe terrícola e non alén do noso planeta.

Comentarios