EUA derruba un obxecto non identificado sobre Canadá

A operación contou coa aprobación do Goberno canadense unha semana despois de que os EUA derrubasen un suposto globo espía chinés.
Avións de combate estadounidenses F-22 Raptor. (Foto: Europa Press)
photo_camera Avións de combate estadounidenses F-22 Raptor. (Foto: Europa Press).

Un caza F-22 estadounidense derrubou este sábado un obxecto voador non identificado detectado ao norte de Canadá tras recibir o visto e prace do primeiro ministro canadense, Justin Trudeau.

"Ordenei derrubar calquera obxecto non identificado que violase o espazo aéreo canadense. O NORAD derrubou un obxecto sobre o Yukón", explicou Trudeau en Twitter en referencia ao Mando de Defensa Aeroespacial de Norte América das Forzas Armadas estadounidenses.

"Aparellos canadenses e estadounidenses foron mobilizados. Un F-22 estadounidense disparou con éxito contra o obxecto", engadiu Trudeau. "Falei esta tarde co presidente Joe Biden. Forzas canadenses recuperarán e analizarán os restos do obxecto", indicou.

Non identificado

Este novo obxecto estaría a sobrevoar a gran altitude o territorio do Yukón, unha rexión fronteiriza con Alaska. O NORAD confirmara previamente que estaba a facer un seguimento dun obxecto voador non identificado no norte de Canadá, sen que nun primeiro momento transcenderon máis detalles.

A ministra de Defensa de Canadá, Anita Anand, avanzou máis detalles este domingo. Era "un obxecto cilíndrico pequeno". 

Ademais explicou que o aparello voaba a uns 40.000 pés de altitude, uns 12,2 km, e que foi derrubado debido ao risco que supoñía para a aviación civil, a uns 161 km da fronteira con Alaska, informou a televisión pública canadense, a CBC.

"Quero asegurar á xente do Yukón que en ningún momento a súa seguridade estivo en risco", afirmou o ministro principal do Yukón, Ranj Pillai. "Quero felicitar ao primeiro ministro por actuar de forma decidida para protexer á xente do Yukón e a todos os canadenses", engadiu.

Máis obxectos voadores

Aínda non se sabe se este novo obxecto está relacionado co globo espía chinés derrubado a semana pasada no Atlántico tras atravesar América do Norte ou con outro obxecto derrubado esta sexta feira sobre Alaska. China asegura que o primeiro era un globo meteorolóxico que se desviou fortuitamente.

Con todo, esta sexta, Washington anunciou sancións contra seis organismos chineses vinculados á industria aeroespacial dese país en resposta á presenza deste globo e o secretario de Estado, Antony Blinken, cancelou unha visita a China.

Comentarios