O Pentágono denuncia un novo "globo espía chinés"

O achado volve levar a firma do Pentágono, que albiscou sobre Latinoamérica o mesmo instrumento que no seu territorio esta sexta feira.

globo chinés

O Departamento de Defensa de Estados Unidos afirmou esta sexta feira pola noite que detectou un segundo globo espía chinés que estaría a sobrevoar Latinoamérica. "Temos informes dun globo en tránsito por América Latina. Cremos que é outro globo de vixilancia chinés", comunicou o portavoz do Pentágono, o xeneral Patrick Ryder, en declaracións á cadea CNN.

Até o momento, non se precisou onde se localiza concretamente o segundo globo, mais segundo aseguraron fontes ao citado medio, este dispositivo non parece dirixirse cara a territorio estadounidense.

O achado ten lugar apenas un día despois de que o Departamento de Defensa estadounidense notificase que localizara un instrumento chinés de espionaxe sobre o seu espazo aéreo continental. O oficial de máis alto rango nas Forzas Armadas de Estados Unidos e o principal asesor militar do presidente Biden, Mark Milley, recomendou non derrubar o globo -que foi visto nunha zona do estado de Montana que alberga instalacións nucleares -porque non representaba unha ameaza militar, salientando que a administración actuou "inmediatamente" para protexerse contra a recompilación de información confidencial, segundo recolleu CNN.

Pola súa banda, o Goberno de China confirmou que o primeiro globo é seu, mais matizou que "é de natureza civil" e que se utiliza para a "investigación científica".

Concretamente, o que dixo un portavoz do Ministerio de Exteriores chinés é que se utiliza para "asuntos meteorolóxicos". O representante asiático tamén expresou que "despois de verse afectado por ventos do oeste e ante a limitación da súa capacidade de control, desviouse gravemente do seu roteiro programado".

O comunicado indica que a parte chinesa lamenta a entrada involuntaria do aeróstato no espazo aéreo estadounidense por causas de forza maior, e engade que seguirá comunicándose coa parte estadounidense e abordará adecuadamente esta “situación inesperada causada por forza maior”.

Este evento alterou as relacións diplomáticas entre ambas as potencias. Concretamente, o secretario de Estado estadounidense, Antony Blinken, cancelou a súa visita a China prevista para a próxima semana. Blinken ía converterse no primeiro membro do Gabinete do presidente Joe Biden en visitar China, mais agora as autoridades decidiron cancelar a viaxe á espera de ter máis información sobre o globo.

O propio Blinken  recoñeceu estar en contacto co titular de Exteriores chinés, Wang Yi, para dicirlle que este xesto supón unha "clara violación da soberanía" do país, así como do dereito internacional.

Comentarios