A bancada progresista dos Demócratas insta Biden a negociar con Putin

Jayapal critica que se renunciara á vía diplomática para acabar coa guerra, e xunta outros 29 congresistas reclama que os EUA asuman a responsabilidade pola súa "participación na guerra".
O presidente dos Estados Unidos, Joe Biden, exerze de anfitrión da celebración do Diwali na Casa Branca, na madrugada de onte. (Foto: Michael Brochstein / ZUMA Press Wi / DPA)
photo_camera O presidente dos Estados Unidos, Joe Biden, exerze de anfitrión da celebración do Diwali na Casa Branca, na madrugada de onte. (Foto: Michael Brochstein / ZUMA Press Wi / DPA)
O presidente dos Estados Unidos (EUA), Joe Biden, enfronta a primeira diverxencia pública no seo do Partido Demócrata no que atinxe á xestión da guerra en Ucraína, tras facerse pública na madrugada da segunda á terza feira unha carta asinada por 30 congresistas da parte progresista da formación na que solicitan “un impulso diplomático proactivo, redobrando esforzos na pescuda dun marco realista para un alto o fogo”.

Cuestionando que só se opte polo apoio económico e militar (44.000 millóns de euros, máis da metade en armamento), os asinantes liderados pola representante Pramila Jayapal inciden en que “se hai unha forma de acabar coa guerra mantendo unha Ucraína libre e independente, é responsabilidade dos EUA seguir todas as vías diplomáticas para apoiar esa solución”.

Precisamente son estas axudas, que consideran unha “participación na guerra”, as que “crean unha responsabilidade para os EUA”, polo que fan un chamamento a asumir incentivos como alivios nas sancións para fomentar un cesamento do fogo que dea paso a un acordo europeo de seguridade “aceptábel para todas as partes”.

Asemade, apuntan que “a alternativa á diplomacia é a guerra prolongada con riscos catastróficos”, salientando os efectos sobre os prezos do trigo, do fertilizante e do combustíbel, así como na inflación que padecen os estadounidenses.

Tamén alertan do aumento das posibilidades de escalada nuclear de continuar o conflito, o que fai máis urxentes as conversas, lembrando que o mesmo Biden recoñeceu que en Ucraína “vai ter que haber un acordo negociado”.

Perante as críticas á misiva por parte doutros congresistas demócratas, Jayapal sostivo no The Washington Post que están de acordo coa estratexia de Biden, pero facendo fincapé en que “a diplomacia é unha ferramenta que pode salvar vidas”.

Pola súa parte, o voceiro da Casa Branca, John Kirby, reiterou que a posición oficial é que Ucraína determinará “como e cando negociar”, asegurando que “non imos ter conversas co liderado ruso sen que os ucraínos estean representados”.

Arredor desta cuestión, o secretario de Estado, Antony Blinken, chegou a afirmar hai uns días que apostan pola “diplomacia significativa” para acabar coa guerra. Así e todo, culpou Rusia de “non amosar signos de estar disposta a participar” nestas conversas.

Estas declaracións chegaron pouco despois de que o Kremlin insistira na vontade de negociar do presidente ruso, Vladimir Putin, para acabar coas hostilidades en Ucraína, aseverando que é a mesma vontade que xa expresou antes do comezo da invasión.

En xaneiro, efectuáronse negociacións entre Estados Unidos e Rusia, e mais entre a Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) e Moscova, para debater unha proposta de seguridade de Rusia, que instaba a que a alianza militar renunciase á incorporación de Kíiv e asinar un tratado de seguridade en Europa tras non ser cumpridos os acordos de Minsk. Finalmente, Washington e a OTAN negáronse a aceptar.

Na actualidade, unha norma aprobada polo Goberno do presidente Volodimir Zelenski a comezos de outubro define como “imposíbel” un proceso de negociación con Putin.

Reactívanse os contactos militares bilaterais

Despois de que non transcenderan durante boa parte do tempo transcorrido desde o comezo da invasión rusa a Ucraína conversas a nivel militar entre Washington e Moscova, nas últimas xornadas os respectivos ministros de Defensa, Lloyd Austin e Sergei Shoigu, mantiveron dúas chamadas telefónicas, ao que hai que sumar os contactos entre os máximos responsábeis dos seus Exércitos.

Con respecto á alarma rusa de que Ucraína use un dispositivo nuclear, o Organismo Internacional de Enerxía Atómica debullou que “nos próximos días” revisará dúas instalacións nucleares ucraínas. Ao tempo, o Executivo de Zelenski sinalou que arredor dun millón de casas están sen electricidade pola vaga de ataques rusos, polo que pediu aos cidadáns no exterior que non volvan ao longo do inverno.

 

Comentarios