Os EUA dan por concluído "o mundo posterior á Guerra Fría"

Esta mesma semana fai 60 anos a 'crise dos mísiles' de Cuba, un dos momentos máis críticos entre a URSS e os EUA no marco da chamada 'calma tensa' da Guerra Fría.
O secretario de Estado dos EUA, Antony Blinken. (Foto: S. Barros / LongVisual)
photo_camera O secretario de Estado dos EUA, Antony Blinken. (Foto: S. Barros / LongVisual)

"O mundo posterior á Guerra Fría chegou ao seu fin". Nestes termos vén de pronunciarse o secretario de Estado dos EUA, Antony Blinken, diante dun conflito bélico en Ucraína que cualificou de "punto de inflexión", seguido dunha "intensa competencia en marcha para dar forma ao que virá despois".

Estas declaracións chegan, precisamente, na semana na que fai 60 anos a coñecida como 'crise dos mísiles' de Cuba, un dos momentos máis tensos entre Washington e Moscova no marco deses anos de 'calma tensa' por medio da Guerra Fría.

A tecnoloxía, dixo Blinken, nun acto do que participou en Silicon Valley (California), "reestruturará de moitas maneiras" as economías e "reforzará as forzas armadas". "Mudará a vida das persoas en todo o planeta, e por iso é profundamente unha fonte de forza nacional", incidiu.

Ao mesmo tempo, Antony Blinken volveu mostrarse partidario de seguir enviando armamento a Ucraína: "Temos que facer todo o posíbel para axudar os ucraínos a se defenderen desta agresión, mesmo mentres están a empurrar os rusos a se retiraren do territorio do que Rusia se apoderou".

13 mortos polo avión estrelado en Rusia

Noutra orde de asuntos, as autoridades sanitarias rusas elevan a 13 as vítimas mortais a consecuencia da colisión dun avión militar contra un edificio residencial na rexión de Yeisk, ao suroeste do país, esta segunda feira.

"Os equipos de rescate completaron a remoción de entullos. Durante as operacións de procura e rescate, acháronse os corpos de dez mortos. Por tanto, o número total de vítimas mortais é de 13 persoas, incluídos tres nenos. Aliás, 19 persoas resultaron feridas como resultado do sinistro", precisan fontes do Ministerio de Sanidade.

A causa da colisión, segundo indica o Ministerio de Defensa, foi o "fallo" dun dos motores da aeronave aos poucos minutos de despegar nun voo de adestramento. A tripulación logrou fuxir a tempo.

Bombardeos en Ucraína

Así as cousas, as autoridades ucraínas informaron nas últimas horas de cortes parciais de subministro de luz e auga en varias localidades de Nikolaev e Dnipro a causa dos bombardeos na zona, mentres en Zaporiyia houbo "ataques con drons kamikaze".

Tamén na capital, Kíiv, proseguiron os ataques e producíronse explosións en lugares como o distrito de Desnian, onde, segundo o alcalde, Vitali Klitschko, as bombas afectaron "instalacións civís".

Comentarios