A OTAN solicita a Rusia que as conversas comecen o 12 de xaneiro

A Unión Europea permanece en segundo plano no que atinxe á situación de Ucraína, cando a OTAN lanza unha proposta para comezar a negociar con Rusia.
Jens Stoltenberg en novembro. (Foto: Alexander Welscher / dpa)
photo_camera Jens Stoltenberg en novembro. (Foto: Alexander Welscher / dpa)

A Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) confirmou na madrugada da terza á cuarta feira que acepta as conversas propostas por Rusia arredor das garantías de seguridade para evitar a escalada da situación en Ucraína.

O secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg, propuxo o 12 de xaneiro, apenas dous días despois do comezo do diálogo entre Moscova e Washington, como data para reunir o Consello da alianza militar liderada polos Estados Unidos e a Rusia.

Aínda que o país eslavo non fixo pública polo de agora a súa resposta, fontes da organización sinalaron que están “en contacto con Rusia no que se refire ao encontro”, amais, Stoltenberg, como presidente do foro multilateral Consello da OTAN-Rusia, ten a capacidade para impulsar a convocatoria do órgano.

O mandatario militar reportou que antes de lanzar a data dialogou coa ministra de Exteriores do Reino Unido, Liz Truss, coa que abordou o “reforzo militar continuado, non provocado e sen explicación de Rusia dentro e ao redor de Ucraína”.

En distintas ocasións, o secretario xeral laiouse do feche decretado por Rusia das oficinas diplomáticas da OTAN no seu territorio, que chegou como resposta á retirada da acreditación por parte da alianza militar de oito diplomáticos rusos perante a entidade.

A suposta acumulación de tropas rusas na fronteira con Ucraína foi negada por Moscova en diferentes ocasións, acusando a OTAN de instalar sistemas de ataque na fronteira con Rusia e desestabilizar a rexión.

“Acaso colocamos mísiles perto das fronteiras dos EUA? Non, son os EUA os que chegaron á nosa casa cos seus mísiles e se atopan no limiar do noso fogar”, subliñou Putin o pasado 23 de decembro, na súa conferencia de prensa anual.

Asemade, Moscova critica a alianza por preparar o terreo para unha guerra contra o país. Alexander Fomin, viceministro de Defensa ruso, lembrou hai uns días que a OTAN executa 30 exercicios militares anuais preparando este escenario, cun aumento do 60% nos voos de recoñecemento no mar Negro, 13.000 soldados nos países veciños dos rusos, e un incremento do 31% no gasto militar nos últimos seis anos.

A UE en segundo plano

Pola súa parte, a Unión Europea (UE), que permanece nun segundo plano nesta cuestión, reclamou por medio de Josep Borrell, Alto representante para Política Exterior e Seguridade Común, que “debe estar presente nesas negociacións”.

Comentarios