Macron pídelle a Estados Unidos "sentar á mesa" con Rusia para "favorecer o proceso de paz" en Ucraína

O ex presidente francés Nicolas Sarkozy defendeu esta fin de semana a política de diálogo estabelecida por Emmanuel Macron co seu homólogo ruso, Vladimir Putin.
O presidente de Francia, Emmanuel Macron. (Foto: Europa Press)
photo_camera O presidente de Francia, Emmanuel Macron. (Foto: Europa Press)

O presidente de Francia, Emmanuel Macron, asegurou esta terza feira que Estados Unidos "debe sentar á mesa" con Rusia para "favorecer o proceso de paz" en Ucraína. Macron fixo estas declaracións nunha entrevista despois de reunirse no Vaticano co papa Francisco.

O dirixente francés xa defendera o domingo que “a paz é posíbel” en Ucraína, pero que só poderá chegar “cando a poboación ucraína o decida”.

“Nalgún momento, en función de como se desenvolvan os acontecementos e cando o pobo ucraíno e os seus dirixentes o decidan, nos termos que eles decidan, construirase a paz co outro, que hoxe é o inimigo, arredor da mesa”, manifestou Macron durante o seu encontro co papa.

Aliás, o presidente de Francia “animou” Francisco a “chamar Putin, Kirill [patriarca da Igrexa ortodoxa rusa] e Joe Biden”, pola influencia que este poida ter no presidente dos Estados Unidos.

Sarkozy defende o diálogo

Pola súa parte, ex presidente francés Nicolas Sarkozy defendeu esta fin de semana a política de diálogo estabelecida por Macron co seu homólogo ruso. “Ten toda a razón ao querer manter contacto con Vladimir Putin”, asegurou Sarkozy, que preguntou “como deter a guerra sen falar con todos os belixerantes?”.

O dirixente criticou a postura defendida polo presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, de cortar calquera contacto con Moscova. “Non só queremos facer a guerra sen facela, senón que tamén queremos detela sen dirixirnos aos protagonistas”, lamentou.

Sobre o papel de Estados Unidos no conflito bélico, Sarkozy denunciou que a “Unión Europea semella estar a remolque dos estadounidenses”. “Europa e Rusia están condenados a manter relacións pacíficas e de boa veciñanza”, engadiu.

Finalmente, comparou o actual escenario coa situación de belixerancia que viviron Francia e Alemaña durante a primeira metade do século XX. “Se conseguimos a reconciliación franco-alemá, poderemos facelo tamén con Europa e Rusia”, concluíu Sarkozy.

Comentarios