Proposta de paz de Rusia á OTAN e aos Estados Unidos

Ao tempo que a alianza militar defende a súa expansión, Rusia lanza unha proposta aos Estados Unidos e á OTAN para asinar a paz na rexión.

 

O chanceler alemán, Olaf Scholz, e Jens Stoltenberg. (Foto: Michael Kappeler / dpa)
photo_camera O chanceler alemán, Olaf Scholz, e Jens Stoltenberg. (Foto: Michael Kappeler / dpa)

Perante as ameazas dos Estados Unidos (EUA), a Unión Europea e a Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) por unha suposta preparación para a invasión de Ucraína, o Ministerio de Asuntos Exteriores de Rusia respondeu esta sexta feira facendo públicas dúas propostas de acordo para garantir a estabilidade da rexión, unha dirixida aos EUA e outra á OTAN, a alianza militar que encabezan desde a Guerra Fría.

O viceministro Serguei Riabkov subliñou na presentación dos documentos que as garantías que buscan teñen que ser de carácter xurídico, por mor da falta de confianza nas promesas dos outros actores.

Ámbalas propostas de acordo son bastante semellantes, e inciden en que “calquera organización internacional, alianza militar ou coalición” na que participen ten que "respectar os principios contidos na Carta da Organización das Nacións Unidas", atribuíndo ao Consello de Seguridade o papel principal para manter a paz no planeta.

Nesa liña, o Goberno ruso comprometeríase a non usar o territorio doutros Estados para preparar unha ofensiva contra os EUA ou a OTAN, reclamando garantías de que a alianza militar non se expandirá cara aos países que formaron parte da Unión Soviética, como é o caso de Ucraína ou Xeorxia, poñendo en risco os equilibrios internacionais na zona.

Amais, terían que absterse de crear bases militares nestes Estados, usar a súa infraestrutura para accións militares ou desenvolver unha cooperación militar bilateral.

Nesta liña, os acordos contemplan unha limitación do armamento na rexión, prohibindo o despregue militar onde a outra parte considere que representa unha ameaza para a súa seguridade, o despregue de mísiles de mediano e curto alcance ou de armas nucleares fóra do territorio nacional dos signatarios.

Intento de expansión da OTAN

Con todo, apenas un día antes, o secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg, reuniuse co mandatario ucraíno, Volodimir Zelensky, destacando a súa promoción da expansión da coalición militar que lideran os EUA e abrindo a porta á integración de Ucraína.

Tamén fixo fincapé nos convites que hai pouco se efectuaron a Montenegro e a Macedonia do Norte para unirse.

Comentarios