Rusia ataca infraestruturas ucraínas tras a explosión na ponte de Kerch en Crimea

Varias urbes vense obrigadas a suspender a subministración eléctrica.
Restos de vehículos incendiados esta segunda feira en Kíiv, a capital ucraína, após o ataque con mísiles das Forzas Armadas rusas. (Foto: Jacques Frère)
photo_camera Restos de vehículos incendiados esta segunda feira en Kíiv, a capital ucraína, após o ataque con mísiles das Forzas Armadas rusas. (Foto: Jacques Frère)

As Forzas Armadas rusas lanzaron na mañá desta segunda feira un ataque con mísiles contra a capital ucraína, Kíiv, e 14 rexións máis do país, como resposta á explosión dun camión o pasado sábado na ponte de Kerch, que conecta Crimea con Rusia, e que provocou tres mortes e a interrupción do tráfico durante 24 horas.

O “ataque masivo” foi dirixido a “instalacións enerxéticas, militares e de comunicacións ucraínas”, salientou o mandatario ruso, Vladimir Putin, que mantivo que se Kíiv prosegue cos “atentados terroristas” en territorio ruso “a resposta será dura e dunha magnitude acorde coas ameazas xurdidas”.

Na súa intervención, poucas horas despois de atribuír aos servizos secretos ucraínos os ataques en Crimea, Putin aseverou que “Kíiv púxose ao mesmo nivel que as formación terroristas máis odiosas”, citando intentos de atentar contra unha central nuclear en Kursk ou o gasoduto Turkish Stream no mar Negro.

Outro dos casos nos que sinalan Ucraína é respecto ao asasinato de Daria Dugina, filla do filósofo ruso Alexander Dugin, considerado próximo a Putin. A investigación oficial tamén apuntou na dirección dos servizos secretos ucraínos, o que acabaron por confirmar os Estados Unidos, desvinculándose do coche bomba.

As autoridades ucraínas informan de que arredor dunha ducia de persoas faleceron no país por mor dos ataques, así como da suspensión de servizos públicos, como acontece co transporte público en Kíiv ou coa subministración eléctrica en Lviv, Yitomir ou Khárkiv. Até 11 infraestruturas críticas foron danadas, confirmou Denys Shmyhal, primeiro ministro do país. Pola súa parte, Rusia cifra en tres as mortes no ataque á ponte de Crimea.

O presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, acusou Rusia de “querer o pánico e o caos destruíndo o sistema enerxético”, incidindo en que “só podemos ir cara a adiante e así o demostraremos no campo de batalla”, após reclamar a recuperación  de 2.500 km2 na ofensiva que comezou en setembro.

Segundo abundan medios especializados, ficou case estancado o ataque ucraíno -na pescuda de gañar territorio antes da chegada das chuvias de outono, que comezarán a conxelar as operacións terrestres até o final do inverno-. Porén, as tropas de Kíiv fixéronse nas últimas horas con Stelmakhivka, en Luhansk. No que atinxe ao Exército ruso, entrou en Vesela Dolyna e Zaitseve, no oblast de Donetsk.

Ademais, o gobernador da provincia rusa de Belgorod, Viacheslav Gladkov, denunciou ataques con mísiles nas cidades de Konoplianovka e Shebekino, que deixaron cando menos un óbito.

Ucraína pide sistemas antiaéreos

O ministro de Defensa de Ucraína, Oleksiy Reznikov, cualificou o ataque ruso de “crime de guerra” e solicitou a subministración de “sistemas antiaéreos e contra mísiles”.

Os seus aliados da OTAN entregaron ao país armamento por valor de 30.000 millóns de euros desde febreiro, revela unha recompilación da empresa alemá Statista. A meirande parte procede dos EUA. Amais, o G7 anunciou onte que convocou para hoxe unha xuntanza onda Ucraína para analizar a situación.

Alemaña resolve investigar a sabotaxe no Nord Stream 1 e 2

Axentes da Policía Federal e soldados do Exército alemán están despregados no mar Báltico para investigar as orixes dos danos nos gasodutos Nord Stream 1 e Nord Stream 2 a finais de setembro. As pescudas desenvoltas por Suecia corroboraron que se tratou dunha sabotaxe por medio dunha explosión.

Para Rusia, isto supón un acto de “terrorismo internacional” do que responsabilizou Estados Unidos e os seus aliados, que rexeitan as acusacións. Nikolai Patrushev, secretario do Consello de Seguridade ruso, reiterou que Washington xa protagonizou accións similares executadas pola Axencia Central de Intelixencia (CIA polas súas siglas en inglés), en referencia ao atentado contra un oleoduto en 1983 en Nicaragua, no marco do seu intento por acabar co Goberno sandinista no país.

Comentarios