A amnistía supera o trámite na Comisión de Xustiza do Congreso

Junts adianta que o ex president Puigdemont poderá regresar a Catalunya en xullo e que será de novo o seu candidato ao Parlamento Europeo.
Comisión de Xustiza, hoxe. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Comisión de Xustiza, hoxe. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

Tras o acordo anunciado na noite da cuarta feira entre PSOE, Junts e Esquerra Republicana de Catalunya (ERC), a Comisión de Xustiza do Congreso español aprobou esta quinta feira o ditame do proxecto de lei de amnistía a persoas independentistas catalás represaliadas polo Estado, que pasa así ao Pleno, onde será votada a vindeira quinta feira antes de ser remitida a un Senado controlado polo Partido Popular (PP), polo que todo indica que até dous meses despois, o prazo máximo fixado pola Constitución, non volverá á Cámara Baixa para ser referendada.

Na Comisión, e logo do cambio de postura do PSOE, que finalmente aceptou mudanzas ao documento, foron validadas catro emendas transaccionais para evitar que a ofensiva do sistema xudicial español -controlado polos conservadores- contra a norma deixase fóra algunha das persoas represaliadas, nunha amnistía que se estenderá desde o 1 de novembro de 2011 até o 13 de novembro de 2023.

Neste sentido, no apartado que recolle a medida de graza vinculada a persoas culpadas ou condenadas por terrorismo, fíxase como base a directiva de terrorismo da Unión Europea (UE) e foi eliminada a alusión ao Código Penal español, que avala acusacións máis laxas. Amais, mantense que nestes casos a amnistía aplícase a quen non tivera intencionalidade de cometer “graves violacións dos dereitos humanos”.

No tocante á traizón, amnistiaranse todos os delitos agás os que xeraran “unha ameaza efectiva e real” ou se produciran por medio do “uso efectivo da forza en contra da integridade territorial ou a independencia política de España”, usando como referencia a Carta e unha resolución das Nacións Unidas. Sobre a malversación, deixa fóra da lei os casos nos que existira un propósito de obter “un beneficio persoal de carácter patrimonial”, e ao respecto dos delitos de torturas ou tratos inhumanos, determina que se incluirán todos os que “non superen un limiar mínimo de gravidade”.

O Goberno catalán, liderado por ERC, destacou que a lei será unha “ferramenta forte para defendernos dunha parte dos maxistrados españois que teñen o mal costume de militar en Vox”, unha forza ultraespañolista.

Puigdemont poderá volver en xullo a Catalunya

Ao tempo, o secretario xeral de Junts, Jordi Turull, estimou que a mediados de maio producirase a aprobación definitiva da amnistía no lexislativo, e tendo en conta que o prazo da Xustiza para aplicala é de dous meses avanzou que en xullo o ex presidente Carles Puigdemont poderá volver a Catalunya, sostendo que será de novo o candidato da formación nas eleccións ao Parlamento da UE en xuño.

Comentarios