Cales son claves do novo texto da lei de amnistía?

As novas emendas chegan ao Congreso español.
O ex president de Catalunya, Carles Puigdemont, presentou o 9 de novembro en Bruxelas o acordo de investidura de Junts co PSOE (Foto: Europa Press).
photo_camera O ex president de Catalunya, Carles Puigdemont, presentou o 9 de novembro en Bruxelas o acordo de investidura de Junts co PSOE (Foto: Europa Press).

O novo texto da lei de amnistía que ten sobre a mesa o Congreso español busca blindar as acusacións de "terrorismo nas rúas" que investiga o Tribunal Supremo no marco da causa que abriu contra o eurodeputado de Junts polos disturbios atribuídos á plataforma 'Tsunami Democràtic', as cales afectan, entre outras persoas, ao ex president catalán Carles Puigdemont.

As emendas transaccionais pactadas esta quinta feira tamén pretenden amparar as persoas investigadas da suposta trama rusa do 'caso Voloh' que instrúe o Xulgado de Instrución Número 1 de Barcelona, cuxo xuíz insiste en que os contactos do independentismo con Moscova estarían auspiciados por Puigdemont e poderían constituír delitos de traizón e contra a paz ou a independencia do Estado español.

En concreto, modifican a proposición de lei que presentou o PSOE o pasado 13 de novembro para emendar o preámbulo anterior e os artigos 1, que recolle o ámbito obxectivo; o 2, que detalla as exclusións da lei; e o 7, relativo aos efectos sobre indemnizacións e restitucións.

A clave para as causas de 'Tsunami Democràtic' e 'Voloh' está nos cambios do artigo 2. Cómpre lembrar que o ditame que Junts tombou o pasado 30 de xaneiro perdoaba os delitos de terrorismo a condición de que "de forma manifesta e con intención directa" non causasen "violacións graves de Dereitos Humanos", citando expresamente os artigos 2 e 3 do Convenio Europeo, que recollen o dereito á vida e a prohibición da tortura, respectivamente.

Este extremo mantense, mais agora quítase a referencia ao terrorismo fixado polo Código penal español e quédase exclusivamente coa versión de terrorismo recollida na directiva europea de 2017, onde o limiar do delito é máis alto.

Este cambio ten lugar despois de que o pasado 29 de febreiro o Supremo acordase abrir causa penal contra Puigdemont por 'Tsunami Democràtic' e asegurase que non había "dúbida algunha" de que os feitos que se lle imputan á plataforma independentista se incardinan no delito de terrorismo.

O Supremo explicou que para acreditar o delito de 'terrorismo nas rúas' se exixe que se execute algunha das seguintes finalidades: subverter a orde constitucional, alterar gravemente a paz pública, desestabilizar gravemente o funcionamento dunha organización internacional ou provocar un estado de terror na poboación ou nunha parte dela. Para o tribunal, as condutas analizadas neste caso encaixan na devandita descrición. Porén, no contexto europeo, este concepto de terrorismo vincúlase máis ao uso da violencia expresa.

“Limiar mínimo” de torturas e alta traizón sen forza

Á marxe, co pacto esta quinta feira, tamén se emenda o texto para excluír da amnistía os actos tipificados como delitos de torturas ou tratos inhumanos, fóra daqueles que "non superen un limiar mínimo de gravidade por non resultar idóneos para humillar ou degradar a unha persoa ou mostrar unha diminución da súa dignidade humana, ou para provocar medo, angustia ou inferioridade dunha forma capaz de crebar a súa resistencia moral e física".

Así mesmo, eméndase a amnistía para incluír o perdón aos actos tipificados como delitos de alta traizón e contra a paz, sempre que non se producira "tanto unha ameaza efectiva e real como un uso efectivo da forza en contra da integridade territorial ou a independencia política do Estado español". Neste sentido, cómpre lembrar que este apartado, que defendeu Junts desde o principio, quedou fóra do texto que debateu o Congreso español o pasado 30 de xaneiro.

Malversación sen ánimo de enriquecemento

A nova versión da lei de amnistía pactada esta quinta feira tamén fai cambios para reforzar o perdón aos delitos de malversación "sempre que non existise propósito de enriquecemento". E especifícase que "non se considerará enriquecemento a aplicación de fondos públicos" aos actos cometidos con intención de reivindicar, promover ou procurar a secesión ou independencia de Catalunya ou os actos cometidos coa intención de convocar, promover ou procurar as consultas do 9-N e o 1-O.

Así mesmo, amplía en dous meses o período para perdoar. En lugar de partir do 1 de xaneiro de 2012, o prazo abarca do 1 de novembro de 2011 ao 13 de novembro de 2023. Aprovéitase ademais para incluír no preámbulo varias referencias ao informe da Comisión de Venecia. Ademais, eméndase o artigo 7 para precisar que non serán restituídas as multas, salvo as impostas ao amparo da denominada 'lei mordaza', "con excepción das impostas por infraccións moi graves, sempre que, a criterio da Administración que impuxo a sanción, se estime que concorren para iso criterios de proporcionalidade".

Comentarios