A Comisión de Venecia avala a lei de amnistía tras pedir o PP a súa opinión

O organismo de xuristas expertas depende do Consello de Europa
Reunión do Consello de Europa na que foi aprobado o programa 'Next Generation'. (Foto: Europa Press)
photo_camera Reunión do Consello de Europa na que foi aprobado o programa 'Next Generation'. (Foto: Europa Press)

A Comisión de Venecia -órgano consultivo do Consello de Europa formado por xuristas da especialidade de Dereito Constitucional- avalaron a lei de amnistía que está a ser promulgada no Congreso do Estado español a través dun texto no que se recolle que esta norma non afectaría á separación de poderes.

O ministro español da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, Félix Bolaños, mostrou esta sexta feira a súa ledicia ante a decisión, recalcando que "a amnistía é unha ferramenta para a reconciliación". "E ademais cumpre cos estándares internacionais. É impecábel e é positiva", sinalou.

A Comisión de Venecia iniciou o estudo da Lei de Amnistía que pactaron o PSOE e as formacións soberanistas despois dunha petición que realizou o Senado a pedimento do PP.

De feito, unha delegación da Comisión de Venecia visitou o Estado español os días 8 e 9 de febreiro para reunirse con grupos parlamentarios do Congreso e do Senado, o Goberno estatal, así como con expertos constitucionais e asociacións xudiciais, entre outras xuntanzas para solicitar información sobre esta iniciativa política.

Nesta visita, as persoas que compoñen a Comisión de Venecia centráronse nos trámites da proposición de lei, tanto no Congreso como no Senado, mais non entraron a valorar o seu contido, nin pediron detalles sobre o relativo a delitos de terrorismo. De feito, un dos seus membros deixou claro aos representantes das cortes españolas que a súa función non era valorar a idoneidade da futura lei de amnistía senón unicamente analizar se se seguiron os procedementos técnicos adecuados durante a súa tramitación. Finalmente, estas expertas avalaron dito procedemento.

Comentarios