Convocada a Comisión de Xustiza para tratar a amnistía no Congreso español

O PSOE destaca unha maior "calidez" nas negociacións con Junts.
A voceira do PSOE, Esther Peña, nunha intervención a segunda feira. (Foto: PSOE)
photo_camera A voceira do PSOE, Esther Peña, nunha intervención a segunda feira. (Foto: PSOE)

Fontes parlamentarias españolas confirmaron a segunda feira a medios estatais que a quinta feira se reunirá a Comisión de Xustiza do Congreso para debater un posíbel ditame arredor da proposta de lei de amnistía a persoas independentistas catalás represaliadas polo Estado.

O PSOE, que mantén negociacións con Junts desde que a forza soberanista tombara a proposta no Pleno entre demandas para garantir que a medida de graza se aplique a todas as represaliadas no marco da ofensiva do sistema xudicial para frear a norma, reiterou a súa confianza en que non será precisa unha nova prórroga na comisión para lograr a aprobación do ditame, sen descartar “algún pequeno cambio” que non mude “a filosofía da lei”, e recalcando que aprecian “máis calidez” nas negociacións.

"Ningunha modificación" no delito de terrorismo

A súa voceira, Esther Peña, insistiu en que non prevén “facer ningunha modificación” ao respecto do delito de terrorismo, do que a Xustiza española acusa o ex presidente catalán Carles Puigdemont (Junts) ou a secretaria xeral de Esquerra Republicana de Catalunya (ERC), Marta Rovira.

Pola súa parte, Raquel Sans, portavoz de ERC, destacou que se “están a achegar as posicións”, asegurando que manteñen conversas con todos os actores.

Proceso parlamentario

Se esta semana a Comisión de Xustiza emite un ditame positivo, a lei de amnistía podería volver ao Pleno a próxima semana ou a seguinte.

Unha vez validada na Cámara Baixa trasladaríase ao Senado, onde ten que ser votada nun prazo máximo de dous meses a pesar do intento de bloqueo do Partido Popular (PP). Tras ser rexeitada na Cámara Alta, como é previsíbel, retornaría ao Congreso para a súa aprobación definitiva.

Comentarios