Incumprido no Sudán o segundo alto o fogo de 24 horas consecutivo

Milleiros de persoas escapan da capital sudanesa ao decatarse que as partes non estaban dispostas a cumprir o alto o fogo, entre cortes das subministracións e constantes saqueos.
Fume dos combates en Darfur. (Foto: Stringer / Europa Press / Contacto)
photo_camera Fume dos combates en Darfur. (Foto: Stringer / Europa Press / Contacto)

Tanto as Forzas Armadas sudanesas como o grupo paramilitar Forzas de Apoio Rápido (RSF) acusáronse onte mutuamente de incumprir o alto o fogo de 24 horas declarado ás 18 horas da terza feira, antes de aceptar un novo alto o fogo da mesma duración a partir da mesma hora da cuarta feira, que segundo indican os medios árabes, tampouco xerou que diminuíra a intensidade dos choques.

O epicentro dos combates sitúase nestes momentos en Khartún, a capital, unha vez que foi confirmado que o Exército tomou o aeroporto de Merowe, no norte do país, onde as RSF capturaran nos primeiros intres do conflito armado que comezou o sábado tropas exipcias que se desprazaran para efectuar exercicios militares cos seus homólogos sudaneses.

O grupo paramilitar informou de que serán entregados ao Cairo cando “a situación o permita”.

A meirande parte dos enfrontamentos reportados onte producíronse na contorna do Palacio Presidencial, do cuartel xeral das Forzas Armadas e do aeroporto internacional da capital, porén, tamén hai choques armados na zona de Darfur, no suroeste, onde se sitúan as cidades controladas polas RSF até o de agora. Nesa rexión, o Exército do Chad detivo un continxente de 320 soldados sudaneses, tras fechar o sábado a fronteira co Sudán.

A situación humanitaria segue a ser límite, o que levou milleiros de persoas a abandonar Khartún ao constatar que as partes non respectarían o alto o fogo, entre frecuentes saqueos que os veciños atribuíron en declaracións á BBC ás RSF, que foron casa por casa reclamando comida e auga a medida que as Forzas Armadas gañaban posicións.

O responsábel de Axuda Humanitaria da Organización das Nacións Unidas, Martin Griffiths, explicou que o persoal humanitario "non se move, as subministracións foron saqueadas e non sabemos que existencias quedan”, e pediu aos líderes do Exército, Abdel Fattah al Burhan, e das RSF, Mohamed Dagalo, que se “deteñan e respondan ás necesidades da súa xente”.

Ao tempo, o Comité Central de Médicos do Sudán alertou de que 39 dos 59 centros sanitarios de Khartún non teñen capacidade de atender pacientes despois dos efectos dos bombardeos e saqueos, polo que advertiu de “escaseza severa” nas instalacións que fican abertas.

No que atinxe á inxerencia externa no conflito, o Exército acusou dous países veciños que non quixo nomear de intentar brindar axuda ás RSF, entrementres cada vez máis reportes apuntan a que Exipto estaría apoiando a al Burhan.

Comentarios