O fracaso da tregua intensifica a fuxida da poboación sudanesa

Críticas no Sudán pola evacuación dos estranxeiros durante o lapso dunha tregua que non se cumpriu, como aconteceu cos anteriores alto o fogo.
Evacuación de estranxeiros no Sudán (Foto: Ministerio de Defensa español)
photo_camera Evacuación de estranxeiros no Sudán (Foto: Ministerio de Defensa español)

As hostilidades que comezaron hai dez días no Sudán entre as Forzas Armadas e o grupo paramilitar Forzas de Apoio Rápido (RSF) concentráronse a segunda feira na capital, Khartún, con fortes combates para tratar de controlar o aeroporto internacional da urbe.

Os combates tamén se estenderon ao longo da fin da semana malia a teórica tregua de tres días declarada a sexta feira por ambas as dúas partes, a iniciativa, impulsada pola Organización das Nacións Unidas (ONU), non acabou cos choques militares mais foi aproveitada por distintos países para evacuar os responsábeis diplomáticos e nalgúns casos tamén os seus cidadáns.

Foron confirmadas evacuacións dos Estados Unidos, o Reino Unido, Francia, Exipto, a China, Arabia Saudita, Italia, España, Xordania ou a India. Nese sentido, o Alto representante da Unión Europea para Política Exterior, Josep Borrell, confirmou que 1.000 persoas do bloque comunitario foran repatriadas.

Medios árabes refiren que a poboación sudanesa teme que o conflito, xa ao bordo dunha guerra civil, se intensifique ao finalizar as evacuacións de persoas estranxeiras. Alsadig Alfatih, veciño de Khartún, sinalou que “ver os estranxeiros irse molestoume posto que vexo que hai algúns grupos que foron axudados polo Exército e as RSF, mentres tanto nós seguimos a ser golpeados”.

Entrementres, milleiros de persoas foxen das áreas dos combates. Autoridades do Sudán do Sur informaron de que aproximadamente 10.000 persoas entraron no país desde o Sudán, moitas delas parte das 800.000 refuxiadas sursudanesas que se atopaban no Sudán.

Ao tempo, a Oficina da ONU para a Coordinación de Asuntos Humanitarios reportou que ademais das entre 10.000 e 20.000 persoas que se confirmou que chegaron ao Chad desde o Sudán tamén hai persoas que conseguiron cruzar a fronteira con Exipto.

En paralelo, a entidade sinala que 9.000 persoas se desprazaron no interior do Sudán fuxindo dos combates en Darfur, na contorna da capital e no sueste do país.

A nivel internacional, o sudanés Al Rakoba subliñou que o Chad resolveu apoiar as Forzas Armadas no conflito, aliás, Washington destacou a “profunda preocupación” pola interferencia no conflito sudanés da empresa rusa de mercenarios Wagner, despois de que medios como Foreign Policy responsabilizaran o país americano por facer descarrilar a transición no Sudán ao tratar de impor as súas condicións ás RSF e ao Exército. A empresa rusa xa negou a súa presenza no país a semana pasada.

Comentarios