A Unión Africana pide axuda ao mundo para os refuxiados do Sudán

A cuarta tregua non frea os combates e o diálogo acordado foi descartado polos militares, o que dificulta unha resposta humanitaria xa insuficiente, polo que a Unión Africana reclamou axuda.
Moussa Faki Mahamat. (Foto: Dario Pignatelli / European Counci / DPA)
photo_camera Moussa Faki Mahamat. (Foto: Dario Pignatelli / European Council / DPA)

Moussa Faki Mahamat, presidente da Comisión da Unión Africana, solicitou a sexta feira aos Estados veciños do Sudán e á comunidade internacional que achegue apoio humanitario urxente aos civís que foxen do conflito entre as Forzas Armadas sudanesas e o grupo paramilitar Forzas de Apoio Rápido (RSF).

No Chad, onde o Programa Mundial de Alimentos da Organización das Nacións Unidas (ONU) alertou que só contaba con subministracións para 20.000 persoas mentres que se agardaba a chegada de arredor de 200.000 refuxiadas e refuxiados do Sudán, “as condicións son desesperadas”, aliás, “non hai tendas de campaña” e a comida da que dispón a entidade internacional “nin sequera alcanza para as familias que realmente buscan axuda”, sinalou Al Jazeera, que reportou que moitas persoas declararon que non comeran en 24 horas ao chegar ao país.

Na capital sudanesa, Khartún, convertida no epicentro dos combates xunto á rexión de Darfur, no suroeste do país, medios árabes subliñan que a diminución da dispoñibilidade de alimentos desde que comezaron as hostilidades o pasado 15 de abril continúa a profundarse, polo que “os cidadáns están preocupados de que poidan enfrontar a fame ou cando menos unha crise alimentaria terríbel”, en paralelo á escaseza de diñeiro en efectivo polo feche dos servizos bancarios.

Na cidade, o Alto comisionado da ONU para os Dereitos Humanos, Volker Türk, acusou as RSF de asaltar os fogares da veciñanza, ao tempo que se fixo público que os ataques en varias prisións do país permitiron a fuga de 25.000 presos.

Aínda que á última hora da quinta feira as RSF ratificaron que respectarían a tregua de tres días proposta polos países de África oriental, ampliando o cesamento de fogo que en teoría tería comezado a pasada terza feira, como os tres alto o fogo anteriores non se cumpriu.

De feito, o líder do Exército, Abdel Fattah al Burhan, descartou onte as conversas co líder paramilitar Mohamed Dagalo, a pesar de que o acordo para a tregua incluía un proceso de diálogo en Juba, a capital do Sudán do Sur.

Empeora a situación en Darfur

Ademais, a información que chega de Darfur alerta de que os combates están a ampliarse coa participación de varios grupos armados locais, á vez que a ONU indicou que xa foron distribuídas “armas entre as comunidades locais” e advertiu “do grave risco dunha escalada de violencia no oeste de Darfur” ao desencadearse combates entre as distintas comunidades.

Comentarios