A ONU cuestiona a vontade de negociar das partes no Sudán

Altos cargos de Omar al Bashir terían fuxido de prisión no marco dos combates, porén, o Exército confirmou que o líder derrocado en 2019 continúa preso.
Operación das tropas do Sudán. (Foto: Forzas Armadas do Sudán)
photo_camera Operación das tropas do Sudán. (Foto: Forzas Armadas do Sudán)

“Non hai signos inequívocos” de que o comandante das Forzas Armadas do Sudán, Abdel Fattah al Burhan, ou o líder do grupo paramilitar Forzas de Apoio Rápido (RSF), Mohamed Dagalo, teñan disposición para efectuar unhas “negociacións serias” para acabar cos combates que comezaron o 15 de abril no país africano, explicou a cuarta feira Volker Perthes, representante especial da Organización das Nacións Unidas (ONU) no Sudán.

“Os combates no Sudán crearon unha catástrofe humanitaria, cos civís sufrindo a carga”, salientou, definindo como “un erro de cálculo” a postura de al Burhan e Dagalo, pois “a lei e a orde deterioraranse” mentres persistan os enfrontamentos.

O secretario xeral da entidade, António Guterres, destacou que “o conflito non se resolverá nin debe resolverse no campo de batalla”, e alertou de que se “está a acender unha mecha que podería detonar a través das fronteiras, causando un sufrimento inmenso durante anos e atrasando o desenvolvemento décadas”.

A perda da magra institucionalidade construída no país desde que foi derrocado Omar al Bashir en 2019 até o golpe de Estado dos militares e as RSF en 2021 ficou exposta polo anuncio de Ahmed Harun, ex ministro de Interior acusado de crimes de guerra pola Corte Penal Internacional pola represión en Darfur entre 2003 e 2008, do mesmo xeito que al Bashir, de que escapou da prisión de Kober en Khartún, a capital sudanesa, xunta outros altos cargos do Goberno de al Bashir.

Tras difundirse que o propio al Bashir estaba nun lugar descoñecido, o Exército sudanés confirmou que continúa detido nun hospital militar de Um Dorman, perto de Khartún, onde foi trasladado antes do inicio das hostilidades.

Ademais, a Organización Mundial da Saúde (OMS) advertiu do risco para a poboación tralo asalto dun laboratorio biolóxico con mostras de doenzas potencialmente mortais, que a CNN atribúe ás RSF.

En paralelo, a entidade informou de que apenas 16% dos centros sanitarios en Khartún están en funcionamento e puxo o foco en que “amais da cantidade de mortes e lesións causadas polo conflito en si a OMS agarda que haxa moitas máis mortes por mor dos gromos, a falta de acceso a alimentos e auga, e interrupcións nos servizos de saúde esenciais”.

Todo isto mentres os combates proseguen con especial intensidade na capital a pesar da tregua de tres días declarada á última hora da segunda feira polos militares e as RSF.

Comentarios