O veto sobre a pesca de fondo podería deixar 816 millóns de perdas económicas

A Consellaría do Mar calcula que a repercusión sobre a economía galega do veto da Comisión Europea á pesca de fondo en 87 zonas do Atlántico ascenderá a 816 millóns de euros. Advertiuno a titular do ramo nun pleno no que, ademais, houbo unanimidade dos tres grupos da Cámara contra unha decisión da UE que entra en vigor o 9 de outubro.
Barco pesqueiro (Foto: Cepesca).
photo_camera Até 200 barcos de capital galego veríanse afectados de forma directa polo veto, segundo os cálculos da Xunta da Galiza (Foto: Cepesca).

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, afirmou esta cuarta feira na sesión plenaria do Parlamento da Galiza que o veto da Comisión Europea (CE) á pesca de fondo en 87 zonas do Atlántico entre Irlanda e o Golfo de Cádiz supón un "golpe mortal" ao sector pois, segundo os cálculos da Consellaría, tería un impacto por persoa duns 24.000 euros anuais, máis de 347,5 millóns de euros para a frota afectada e uns 816 millóns para o conxunto da economía galega.

Pode "chegar a afectar" a máis de 4.400 tripulantes, de acordo coas estimacións da Administración galega, ao redor de 40% do total, e repercutiría de forma "directa" na actividade de máis de 200 barcos de capital galego e na actividade de 900 buques de maneira indirecta, "co seu consecuente impacto nas vendas en lonxa, nos salarios das tripulacións e na prestación de bens e servizos", entre outros aspectos.

Quintana fixo estas afirmacións no contexto dunha comparecencia a petición propia na que tamén se incluíu a rexistrada por urxencia o pasado 19 de setembro polos 19 deputados e deputadas do BNG no Hórreo para que explicase "as accións a levar a cabo no futuro inmediato e as medidas que prevé adoptar fronte ás consecuencias da decisión da CE".

A conselleira do mar reclamou unha moratoria de dous meses para a entrada en vigor do regulamento que prohibe pescar a frota de fondo en 87 caladoiros, unha decisión que cualificou de "cafrada". "Atrasar dous meses a medida non provocaría danos irreversíbeis nos hábitats, mais si os evitaría na frota", advertiu.

A oposición exixe á Xunta que interpoña recurso

Tanto o BNG como o PSdeG coincidiron en solicitar que sexa a Xunta a que interpoña recurso contra o regulamento que prohibe a pesca á frota de fondo en 87 caladoiros do Atlántico.

A deputada nacionalista Rosana Pérez preguntouse "que impide que o Goberno galego presente recurso". "Presénteo xa, por se outros [en alusión ao Executivo estatal] non o presentan", remarcou a portavoz de pesca do BNG, que instou a Xunta "liderar" esta loita. 

No mesmo senso pronunciouse a deputada do PSdeG Patricia Otero, que solicitou á Xunta "que sexa proactiva e interpoña ese recurso" diante dunha decisión "letal para a nosa frota", remarcou. 

Unanimidade da Cámara contra a decisión da CE

O Parlamento galego aprobou esta cuarta feira por unanimidade unha iniciativa presentada polo grupo popular coa que empraza a Xunta a "apoiar" o "imprescindíbel recurso" do Executivo estatal á decisión da CE. O texto reclama que a Xunta apoie tanto o recurso "como todas aquelas medidas legais que adopten as empresas armadoras pola súa conta". 

En segundo lugar, ínstaa a que "reitere" ao Executivo estatal a "urxente necesidade de solicitar á CE que rectifique e anule" o regulamento, que entrará en vigor o 9 de outubro. Ademais, a Cámara solicita ao Goberno galego que mostre o seu rexeitamento "aos ataques" que o sector da pesca de fondo "está a sufrir" por parte da CE.

Por último, pretende que o Executivo español solicite ao comisario de Medio Ambiente "que teña en conta as opinións do sector e os datos cuantitativos da súa representación sobre o total da frota pesqueira".

A respecto da decisión da CE, e segundo anunciou a conselleira de Agricultura, Pesca, Auga e Desenvolvemento Rural da Xunta de Andalucía, Carmen Crespo, todos os territorios afectados do Estado farán fronte común co Executivo español fronte á decisión da CE.

Crespo anunciou que a sexta feira en Santander reuniranse "todos os conselleiros de Pesca" dos diferentes territorios, co obxectivo de "profundar sobre a posibilidade dun recurso" ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea.

Por outra parte, o pleno de Vigo aprobou esta cuarta feira unha moción do grupo socialista na que se insta o Goberno estatal a que poña en marcha ante a CE "todos os mecanismos legais" para frear a entrada en vigor do veto.

Comentarios