Unanimidade no Parlamento para instar o Goberno estatal a recorrer o veto á pesca

O texto aprobado busca que a Xunta reitere ao Estado a "urxente necesidade" de facer fronte a esta medida, que entrará en vigor o 9 de outubro.
A redución ou mesmo a supresión do IVE para os produtos pesqueiros é unha vella demanda dos pescadores galegos (Foto: OPAGAC).
photo_camera A UE mantén o veto á pesca, que entrará en vigor o día 9. (Foto: OPAGAC)

O Parlamento aprobou esta cuarta feira por unanimidade dos grupos unha iniciativa coa que insta a Xunta a "apoiar" o "imprescindíbel recurso" do Goberno estatal ante a decisión da Comisión Europea de vetar a pesca de fondo 87 caladoiros entre Irlanda e Golfo de Cádiz.

En concreto, após unha emenda introducida polos populares, autores da proposta, que foi debatida esta terza feira, o texto reclama que a Xunta apoie tanto o recurso "como todas aquelas medidas legais que adopten as empresas armadoras pola súa conta".

En segundo lugar, urxe o Executivo de Alfonso Rueda a "reiterar" ao Estado a "urxente necesidade de solicitar á Comisión Europea que rectifique e anule" o novo regulamento, que entrará en vigor o 9 de outubro.

A proposición non de lei inclúe outros puntos, que eran de feito dos que constaba orixinalmente, conforme aos cales a Cámara avoga por que a Xunta mostre o seu rexeitamento aos "ataques" que o sector do arrastre de fondo "está a sufrir" por parte do ente comunitario.

Así, a iniciativa pide á Xunta que se dirixa ao Goberno español para que "rexeite publicamente" estes "ataques" e tamén require que o Executivo "defenda a importancia deste sector no conxunto do sector pesqueiro e da economía marítima europea".

Por último, pretende que solicite ao comisario de Medio Ambiente, o lituano Virginijus Sinkevicius, "que teña en conta as opinións do sector e os datos cuantitativos da súa representación sobre o total da frota pesqueira europea".

Comentarios