Ribera avoga pola eliminación da bonificación xeral do combustíbel

A ministra español móstrase favorábel a atender o nivel de renda.
A vicepresidenta terceira do Goberno español, Teresa Ribera (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera A vicepresidenta terceira do Goberno español, Teresa Ribera (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

A vicepresidenta terceira do Goberno español e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, mostrouse esta segunda feira partidaria de que a bonificación de 20 céntimos de euro ao combustíbel deixe de ser xeneralizada no caso de que se prorrogue máis aló do 31 de decembro e que se concentre nos sectores e familias que máis o necesitan.

"A subvención de 20 céntimos por litro foi unha decisión de emerxencia deste verán, con prezos moi elevados dos combustíbeis, nos que a reacción rápida requiría que fose unha medida xeneralizada e de aplicación sinxela, mais cada vez é máis importante concentrar o esforzo en quen máis o necesita, xa sexa por razóns profesionais, xa sexa por nivel de rendas das familias", sinalou a ministra española.

Ribera subliñou que o estabelecemento dos abonos gratuítos ao transporte é unha medida "máis inclusiva" que a bonificación aos carburantes. "Sabemos que antes do verán era imposíbel ser preciso e discriminar entre familias, mais nestes momentos fomos aprendendo como concentrar o esforzo fiscal e orzamentario naqueles ámbitos nos que é máis eficaz e xusto", defendeu.

Diferente acceso ao transporte público

Porén, Ribera non atendeu nas súas declaracións á diferenza de desenvolvemento dos transportes públicos no Estado español. Deste modo, a eliminación da bonificación tería un efecto negativo para boa parte da sociedade galega.

Gran parte da cidadanía da Galiza vese na obriga de empregar o vehículo particular ante a ausencia de alternativas de transporte colectivo en xeral, e de tren -sobre o que se estabeleceron os abonos gratuítos- en particular.

Neste sentido, boa parte da poboación galega que non forma parte do eixo atlántico -mellor conectado por transporte público colectivo que o resto do país- veríase obrigada a pagar un maior prezo polo combustíbel ao desprazarse en coche.

Mesma situación que padecerían aquelas persoas que residen en núcleos de poboación non próximos aos centros urbanos, un problema acentuado nun país cunha estrutura dispersa como a da Galiza.

Comentarios