O Goberno estatal non rebaixará o IVE sobre as bombonas de butano

O combustíbel licuado derivado do petróleo mantén o gravame en 21%, segundo contestou o Executivo estatal a unha pregunta rexistrada polo BNG.
O prezo da bombona sube esta semana (Foto: Nós Diario).
photo_camera O prezo da bombona de 12,5 quilogramos foi topado en 19,55 euros (Foto: Nós Diario).

O Goberno do Estado español descartou unha redución do Imposto sobre o Valor Engadido (IVE) nas bombonas de gas butano e propano desde 21 até 5%, o que sería acorde coa rebaixa aprobada recentemente para o gas.

O Executivo estatal manifestou confiar en que o prezo tope que foi fixado nun recente decreto lei sexa suficiente para evitar subas descontroladas das bombonas de butano e propano.

Nunha resposta a unha pregunta rexistrada no Congreso polo BNG, o Goberno español explica que é unha directiva europea a que dispón que os Estados membros poderán aplicar un máximo de dous tipos reducidos non inferiores a 5% e aplicaranse unicamente ás entregas de bens e ás prestacións de servizos expresamente relacionados.

Nesta relación "non se inclúen os gases licuados do petróleo (GLP) entre as categorías de bens ás que se pode aplicar un tipo reducido do imposto", argumenta o Executivo estatal, indicando que é por iso polo que "non é posíbel unha redución do tipo do IVE ás bombonas de gas butano e propano".

O prezo máximo da bombona de butano de 12,5 quilogramos foi estabelecido en 19,55 euros a través da aplicación do Real Decreto lei 11/2022. Os GLP son unha mestura de hidrocarburos, principalmente composta de butano, que serve como alternativa ao gas natural para o seu consumo en envases a presión.

Actualmente consómense 68 millóns de envases de GLP de distintas capacidades no Estado español, dos cales 53 millóns atópanse suxeitos ao prezo máximo regulado, até 78% das bombonas que son consumidas.

O uso deste combustíbel está en retroceso e desde 2009 até 2018 descendeu 20% a nivel estatal. Porén, o seu consumo segue a ser básico para aqueles núcleos e poboacións ou núcleos sen acceso a unha conexión á rede de gas natural.

O Congreso avalou a pasada semana rebaixar até o 31 de decembro o IVE aplicado ao gas de 21 a 5%. O BNG foi a único formación con representación na Galiza que decidiu absterse, pois entende que é necesario para a poboación galega ampliar a redución do IVE ás bombonas, así como desenvolver reformas estruturais do mercado enerxético.

Comentarios