As gasolineiras aproveitaron a bonificación do Goberno para disparar os prezos a niveis históricos

Incluíndo os 20 céntimos que desconta o Executivo estatal, a pasada semana o litro de gasolina xa superaba en once céntimos o prezo de finais de marzo, antes de entrar en vigor a medida.
A suba da gasolina contrasta coa baixada do diésel. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)
photo_camera A suba da gasolina contrasta coa baixada do diésel. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)

As estacións de servizo responderon á bonificación de 20 céntimos por litro de combustíbel aprobada polo Goberno estatal, en vigor desde o pasado 1 de abril, cunha suba media de prezos que oscila entre os 0,7 céntimos por litro, no caso da gasolina, e os 3,52 céntimos para o diésel, segundo un estudo elaborado por Esade que vén de facer público.

"En ambos os produtos son as gasolineiras con prezos máis baixos as que reaccionaron con moita maior forza ao cambio de política, incrementando os seus prezos. Isto supuxo unha compresión da distribución dos prezos. Especificamente, no caso do gasóleo, as gasolineiras máis baratas chegaron a aumentar o seu prezo entre cinco e oito céntimos por litro", revela o informe.

Aliás, as gasolineiras independentes, aquelas sen contrato de exclusividade de subministración cun operador por xunto de produtos petrolíferos, son as que capturaron unha maior parte da bonificación, mentres que as distribuidoras retallistas —que fan parte da rede das grandes compañías— fixérono en menor medida.

A hipótese principal que manexan os autores do estudo é que esta situación é debida a "un fallo de deseño" da medida do Executivo a respecto das estacións de servizo independentes. "O sistema de anticipos implementado polo Goberno para dotar de liquidez o sector revelouse insuficiente no caso das gasolineiras independentes con menores prezos, o que puido levar a que aumenten os seus prezos para poder garantir dita liquidez", apunta a análise.

Nesa liña, os autores consideran que as grandes compañías "poden permitirse levar a cabo esta estratexia de non subir prezos, ou mesmo baixalos lixeiramente no caso da gasolina 95" dado que contan coas marxes das súas actividades de refino así como con prezos previos superiores respecto a as estacións de servizo independentes.

"Este abaratamento relativo das gasolineiras operadas por operadores maioristas a respecto do resto do mercado parécenos especialmente preocupante a medio e longo prazo, debido a que entendemos que pode minar a competencia no sector", advirte o informe.

Os prezos seguen a bater marcas históricas

O prezo medio do gasóleo no conxunto do Estado español rexistrou a semana pasada un novo récord histórico ao alcanzar os 2,1 euros por litro, mentres que o da gasolina baixou lixeiramente, o cal non evita que ambos os carburantes se consoliden por riba dos dous euros o litro, unha cota que superan desde hai varias semanas se non se ten en conta a bonificación.

Con todo, contando con ela, o prezo medio do litro de gasolina a semana pasada era xa once céntimos máis caro que na última semana de marzo (1,818 euros), antes de que se comezase a aplicar o desconto, co que o encarecemento rexistrado por este carburante desde entón absorbeu totalmente a axuda.

No caso do diésel, ao aplicar a rebaixa dos 20 céntimos por litro, o seu importe sería uns seis céntimos superior ao prezo que marcaba a finais de marzo (1,837 euros por litro). De feito, os niveis de prezos dos carburantes en España consolidáronse por encima da media dos países da Unión Europea e da eurozona desde a entrada en vigor da medida, cando antes dela situábanse tradicionalmente por baixo da media.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios