A fin dos motores de combustión colle Galiza sen infraestrutura suficiente para os eléctricos

A UE debate que en 2035 os vehículos á venda sexan de cero emisións, unha decisión que collería a Galiza coa infraestutura do vehículo eléctrico aínda sen desenvolver.
Na Galiza só se poden atopar sete puntos de recarga para vehículos eléctricos de acceso público e de alta potencia (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera Na Galiza só se poden atopar sete puntos de recarga para vehículos eléctricos de acceso público e de alta potencia (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

O Consello de Ministros e Ministras de Medio Ambiente da Unión Europea reuniuse onte para debater a actualización da súa lexislación en materia climática. Entre os temas a tratar figura unha proposta apoiada polo Estado español para pór fin á comercialización de coches de combustión en 2035.

De momento non é algo definitivo, pois o Parlamento europeo e o Consello europeo teñen agora por diante unha negociación antes de acordar unha norma definitiva, pero de levarse a cabo podería ter importantes consecuencias económicas e sociais.

No caso da Galiza, a principal é que a actual infraestrutura de recarga imposibilita a expansión do coche eléctrico, até tal punto que para saír do país hai que facelo coas baterías cargadas, xa que, tanto en dirección a Asturies como a Castela e León, hai treitos de máis de 100 quilómetros sen un punto de recarga. 

Mapa dos treitos sen cargadores
Mapa dos treitos sen cargadores de alta potencia

Esta mesma idea, na que abundou o ex presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, ao ser preguntado polas axudas do Plan Moves á compra do vehículo eléctrico, cando recoñeceu que a Galiza non apostaba tanto polos eléctricos puros, precisamente pola falla de infraestrutura de recarga, queda avalada polos datos do último Barómetro da Electromobilidade da patronal Anfac, correspondente ao primeiro trimestre de 2022.

Infraestrutura insuficiente

Nese documento, a asociación de fabricantes de automóbiles destaca que a Galiza é, após Andalucía, o territorio con peor indicador en canto a infraestrutura de recarga, con 2,8 puntos, fronte aos 4,8 da media estatal. 

En total, no país hai 501 redes de recarga de acceso público, das que 171 están nas sete grandes cidades. A gran maioría destas redes (494) presentan unha potencia inferior aos 250 quilowatts (kW), o que leva aparellados tempos amplos de carga. Só as outras sete redes garanten tempos de subministración de enerxía similares aos que se empregan na actualidade nunha estación de servizo.

Aínda que a infraestrutura non sexa a adecuada, isto non quere dicir que o vehículo electrificado ─híbridos e eléctricos─ non estea estendido na Galiza. De feito, no indicador de penetración deste tipo de vehículos sobre o mercado total, o país está só dous puntos por baixo da media estatal, con 20,1 puntos. 

Porén, non acontece o mesmo co vehículo eléctrico puro, no que a Galiza volve caer aos postos de cola, xa que só representa 52,3% do mercado de vehículos electrificados, fronte a 75,4% que representan por exemplo no conxunto da Unión Europea.

Advertencia das patronais

A decisión sobre a prohibición dos vehículos de combustión non está tomada, mais as patronais do sector advirten de que esta medida "suporá frear o desenvolvemento dos ecocombustíbeis, combustíbeis líquidos baixos ou neutros en carbono e compatíbeis coas frotas, o parque e as infraestruturas actuais".

Nesta liña, alertan tamén de que este desincentivo no investimento pola prohibición do motor de combustión porá en risco "un gran número de postos de traballo", tanto da industria do refino e distribución de carburantes como na automoción, nas auxiliares e o transporte.

O feito de que a Galiza non estea preparada para a fin da comercialización de motores de combustión vai provocar que no país existan zonas de sombra que impedirán que a cidadanía poida recargar o vehículo porque terá menos acceso a puntos de recarga. "De novo, producirase un agravio comparativo entre a poboación urbana e a rural, quedando esta última desprovista dunha fonte enerxética fundamental no seu día a día", sinalan desde as patronais do transporte. 

Nesta liña, consideran que as Administracións están a obviar, ademais da dispersión, que a maquinaria e o transporte de agricultores e pescadores, así como o transporte pesado de mercadorías, funciona con combustíbeis líquidos, polo que este cambio dificultaría o desenvolvemento da súa actividade, a rendibilidade e o emprego que sosteñen.

Comentarios