Por que a inflación é máis alta na Galiza que no resto do Estado? Eis as razóns

O diferencial na suba de prezos dáse na categoría de bens básicos.
O aumento do prezo da vivenda, por riba da media estatal ao longo de todos estes meses, pesa na inflación da Galiza. (Foto: Europa Press)
photo_camera O aumento do prezo da vivenda, por riba da media estatal ao longo de todos estes meses, pesa na inflación da Galiza. (Foto: Europa Press)

A inflación en agosto volveu repetir unha dinámica que se alarga desde hai tempo: a inflación na Galiza é superior á media no Estado español. O mes pasado, 11% fronte a 10,5%. Un diferencial que economistas consultados por Nós Diario interpretan desde diferentes perspectivas mais partillando a preocupación polo seu impacto.

Para Marcelino Fernández Mallo, á hora de analizar a inflación non deberiamos de perder de vista a necesidade da Galiza de importar boa parte dos bens que consome, o que xera dependencia e maior encarecemento do prezo que de se producir aquí. "Somos unha economía máis exportadora que a media estatal mais tamén importamos moito", indica o analista económico a este xornal.

Adrián Dios, profesor na facultade de Económicas da Universidade de Santiago (USC), apunta a este medio que hai "dúas particularidades" que determinan que a inflación na Galiza se sitúe por riba da media estatal. A máis importante, salienta, o diferencial negativo na categoría de "vivenda, electricidade, auga e combustíbel", que na Galiza aumentou 30%, cinco puntos máis que no Estado. "A electricidade ten prezo único no Estado así que o determinante aí é vivenda e combustíbeis", bens "básicos".

A segunda, apunta, sería a suba nos prezos na restauración, que se ben se manteñen por baixo do de moitos territorios experimentaron un aumento máis que importante. Existe inflación cando se produce un aumento xeral dos prezos, non só de artigos individuais, que dá como resultado que por cada euro poidan adquirirse hoxe menos bens e servizos que onte. Isto acontece na actualidade con múltiples produtos, mais non todos repercuten por igual na inflación. Así, por exemplo, a suba en vivendas ou combustíbeis —que na Galiza aumentaron a un nivel moi superior que a media estatal— teñen un peso moi forte á hora de conformar a inflación.

Inflación percibida

"Eses factores inflúen moito máis que a suba dos alimentos", apunta a este medio a tamén economista Ana Gil, "a pesar de que é nos produtos do cesto: pan, ovos, leite... onde a xente centra máis a atención, onde percibe ese día a día de subas".

As diferenzas por territorios entre os cestos da compra, afirma, "non explican ese diferencial de inflación entre a Galiza e o Estado". A inflación reduce o valor do diñeiro e iso ten especial repercusión nunha Galiza cos salarios e as pensións entre as máis baixas do Estado.

"Debemos de facer fronte a unha perda continuada de poder adquisitivo cando xa de por si aquí o poder adquisitivo é cativo a respecto doutros territorios do Estado", reflexiona Gil. Os salarios galegos están 10% por baixo da media do Estado. Os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) sitúan a remuneración salarial por hora traballada na Galiza en 19,4 euros, en 21,4 euros a estatal e a media da Unión Europea é 24,9 euros.

A isto engádese que 33% das persoas pensionistas viven na Galiza con menos de 649 euros ao mes. Ao que hai que engadir 61.226 persoas xubiladas que reciben unha pensión inferior a 324 euros. "Para elas, a inflación é devastadora", indica Ana Gil.

Unha nova crise após unha "recuperación incompleta"

A saída da crise da Covid permitía a finais de 2021 aos distintos territorios do Estado confiar nunha paulatina recuperación, o que se viu truncado pola escalada inflacionista. Porén, xa desde o Consello Xeral de Economistas advertiron no presente ano que a Galiza era unha das comunidades con risco de que a recuperación económica fose "incompleta" e "desigual".

"Os baixos niveis de produtividade, os déficits de capital humano, a desigualdade social ou a insuficiente dixitalización poden lastrar a recuperación de determinados territorios e dificultar a consecución dos obxectivos perseguidos", apuntan, en referencia a un grupo de comunidades na que inclúen Galiza. O escenario actual, cunha inflación na Galiza por riba da media do Estado, non deixa marxe para o optimismo, inciden as e os economistas.

Comentarios