O prezo do gasóleo subiu 67% nun ano

A suba dos combustíbeis non dá tregua. Mentres o incremento dos carburantes xa ten superado o importe das axudas aprobadas polo Goberno do Estado no mes marzo, o sector do transporte, o agrogandeiro e o do mar reclaman novas medidas que fagan viábel a continuidade da súa actividade.

Protesta dos transportistas en Ferrol, esta cuarta feira (Foto: Raúl Lomba / Europa Press).
photo_camera Protesta dos transportistas en Ferrol, na pasada folga. (Foto: Raúl Lomba / Europa Press).

A gasolina marcou na xornada de onte un prezo medio na Galiza de 2,16 euros litro. O seu custo superou en 0,75 euros o rexistrado hai un ano, representando un incremento para os automobilistas de 53%. Un aumento que levou por diante a bonificación de 0,20 euros aprobada polo Goberno do Estado no mes de marzo e prorrogada polo Consello de Ministros na súa reunión do pasado sábado. Tanto e así que, descontada esta axuda, a alza do prezo tería chegado a 2,36 euros, fixando un aumento na anualidade de 67%.

O prezo do combustíbel representa 35% dos gastos de explotación dunha compañía de transporte

A situación é aínda máis complicada para o transporte de mercadoría por estradas. Neste caso, o litro de gasóleo rexistrou onte 2,11 euros litro, 83 céntimos máis que en xuño de 2021, marcando unha suba de 64% nestes últimos 12 meses. Nesa dirección, o seu prezo superou en 0,30 euros o fixado en marzo, antes da entrada en vigor da bonificación gobernamental, cando o gasóleo acadou 1,82 euros, tras incrementarse desde o mes de marzo de 2021 en 151%.

Precisamente, o prezo dos combustíbeis comezou a súa escalada no segundo semestre do pasado exercicio, cando o conflito en Ucraína aínda non facía parte da axenda política dos Executivos europeos.

Transporte por estrada

O prezo do combustíbel representa 35% dos gastos de explotación dunha compañía de transporte. Segundo sinalan a Nós Diario diversas empresas do sector, o Goberno do Estado considera que "para cubrir custos as compañías de transporte deben cobrar por riba de 1,54 euros por quilómetro, algo que non acontece en moitos casos".

A este respecto, a secretaria xeral da Asociación Empresarial de Transportes de Mercadoría por Estrada da Galiza (Apetamcor), Miriam Otero, indica a Nós Diario que "desde 2014 a 2021 a inflación xeral incrementou en 15%. Poren, os prezos dos portes só subiron 5%".

O custo dos hidrocarburos

A Galiza é un dos territorios do Estado onde os custos do gasóleo son máis elevados. A situación non é conxuntural, manténdose esta tendencia nas últimas décadas sen colocar enriba da mesa alternativa algunha. Ao tempo, esta diferenza de prezos en relación co conxunto estatal, prodúcese nunha comunidade que conta con servizo de refinado, neste caso na cidade Coruña.

Nesta dirección, os transportistas denuncian a Nós Diario que "non ten explicación que Galiza marque un prezo máis levado que Castela e León, cando esta comunidade é subministrada esencialmente desde a refinaría da Coruña".

Son necesarias medidas contra a inflación por parte da Administración, que está provocando o empobrecemento das clases populares

Otero recoñece que "o transporte atópase nunha situación moi delicada". Neste contexto, reclama prudencia e demanda ás Administracións "cumprir coas súas obrigacións en materia de prezos". "Hai unha parte das empresas que subiron os prezos e están nas contías para os portes pactadas co Goberno pero hai outras que pagan por debaixo do estabelecido", afirma a secretaria xeral Apetamcor, que urxe inspeccións a estas compañías e exixe dos Gobernos "unha posición máis activa para obrigar cumprir a lei".

O gasóleo agrario

A suba do gasóleo agrario rexistrou un incremento de 132% no último ano. Tanto e así, que o litro deste combustíbel marcou onte 1,74 euros, exactamente 0,99 euros máis que en xuño de 2021. Neste sentido, o coordinador xeral da Federación Rural Galega (Fruga), Manuel da Cal, asegura que "esta suba de practicamente un euro chega cando xa están próximos determinados traballos como ensilado, que nuns casos acométense con medios propio e noutros externalizando as tarefas.

O dirixente de Fruga destaca que "este aumento súmase ao incremento dos custos alimentarios ou enerxéticos das explotacións, polo que os gastos de produción dispáranse". "Son necesarias medidas contra a inflación por parte da Administración, que está provocando o empobrecemento das clases populares", continúa Da Cal, que liga o prezo máis alto na Galiza do gasóleo agrícola "ao carácter colonial do país".

O gasóleo pesqueiro

O sector pesqueiro estuda mobilizacións pola alza dos combustíbeis e non descarta amarrar a frota. A este respecto, o voceiro da Asociación do cerco da Galiza (Acerga), Andrés García, sinala a Nós Diario que "nestas condicións non se pode traballar porque levamos meses traballando a perdas". Con estes prezos do combustíbel, di, "estase cambiando traballo por gasóleo". García significa que "o prezo do combustíbel a 1,08 euros litro, supón practicamente 60 céntimos máis que a comezos do ano".

Comentarios