As previsións sitúan o medre do PIB en 0,7% para 2023, a metade que no Estado

BBVA Research augura unha recesión na Galiza para os primeiros meses.
Miguel Cardoso e Marta Alonso, economistas de BBVA Research (Foto: Pedro Davila / Europa Press).
photo_camera Miguel Cardoso e Marta Alonso, economistas de BBVA Research, na presentación do informe 'Situación Galicia 2023', esta cuarta feira en Vigo. (Foto: Pedro Davila / Europa Press)

As previsións non sinalan un bo comportamento da economía galega en 2023. Deste modo, o crecemento do Produto Interior Bruto (PIB) na Galiza ficaría, segundo o informe Situación Galicia 2023 publicado esta cuarta feira por BBVA Research, en 0,7%, a metade do esperado para o conxunto do Estado español, cun medre de 1,4%.

Unha cuestión que viría afondar o peor comportamento do PIB galego en 2022 en comparanza co estatal. Así, segundo se indica no informe, o crecemento da economía galega no pasado ano ficará en 4,1%, até 1,2 puntos por baixo da media do Estado español, estimada en 5,3%.

Neste escenario, o estudo non descarta un escenario de recesión na Galiza. "Non é descartábel que o PIB experimente unha contracción a curto prazo", sinala BBVA Research. "A entrada en recesión da zona euro e o esgotamento da recuperación do turismo farán que a contribución ao crecemento da demanda externa sexa negativa en 2023 e 2024", acrecenta o informe publicado pola entidade financeira.

"O gasto dos fogares verase afectado polo aumento dos prezos, a maior incerteza, a desaceleración do emprego e a suba dos tipos de xuro", predí o informe con respecto á Galiza. Unha inflación a nivel galego que, segundo se reflicte nas gráficas, superou os niveis experimentados no conxunto do Estado durante todos os meses de 2022. 

Ao respecto, indica, "a caída da inflación continuará nos próximos trimestres, mais reducir a subxacente -índice que non ten en conta a enerxía e os alimentos frescos, e que representa a tendencia a longo prazo- do nivel de prezos será máis difícil". Aínda que "os salarios aumentan", fano "sen recuperar a capacidade de compra prepandemia", sinala.

Por outra parte, o estudo reflicte a caída do número de persoas cotizantes na Seguridade Social do país. "A afiliación desacelérase a partir do terceiro trimestre -de 2022-, sobre todo no conxunto dos municipios non pertencentes a grandes áreas urbanas", explica a publicación.

"A carga financeira das familias e empresas pode verse incrementada como consecuencia do aumento dos tipos de xuro e da desaceleración económica", engade o informe. Con todo, segundo matiza, "ademais dunha posición considerabelmente menor en termos de endebedamento do sector privado, o colchón de aforro das familias e empresas galegas é algo maior do que se dispuña no inicio da crise de 2008, mesmo despois de superada a pandemia".

Na presentación do informe, o economista xefe de BBVA Research, Miguel Cardoso, sinalou que a Galiza é unha "das tres únicas comunidades autónomas españolas que xa recuperarían niveis de PIB per cápita previos á pandemia, xunto con Castela-A Mancha e Estremadura".

Situación complicada para o sector industrial galego

Especialmente preocupante é a situación da industria galega que, segundo o estudo, "podería ser a máis prexudicada". Mentres o índice de produción industrial amosa un avance a nivel estatal de 2,8% en 2022, a taxa galega sinala unha caída de 1,9%. Con respecto á exportación de bens, mentres no Estado avanzou 23,6%, na Galiza a suba foi de 20,6%, tres puntos menos.

A Xunta aposta pola recuperación no segundo semestre

Na sesión plenaria do Parlamento galego desta cuarta feira, a deputada do BNG Noa Presas alertou dunha "freada" da actividade económica galega co último informe do Foro Económico de Galicia encima da mesa.

Como xa recolleu este xornal, o Foro Económico advirte, en consonancia cos datos de BBVA Research, unha forte desaceleración da economía galega, que contrasta co escenario a nivel dos Estados español e portugués.

Presas acusou á Xunta de ter unha "errática política económica" que aboca a Galiza a unha crise "que se alonga no tempo, que cada vez é máis profunda e que deixa a máis persoas ao bordo do precipicio".

Porén, en resposta, o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, dixo que prevé que a Galiza volverá na segunda metade de 2023 a anotar un "crecemento económico consistente".

Comentarios