O medre do PIB galego cae a 4,4%, até 2,4 puntos por baixo do estatal

O Foro Económico de Galicia pide reaccións políticas diante da tendencia de moderación do crecemento na economía galega e as súas consecuencias no mercado laboral.
A economía galega segue por baixo dos niveis previos á Covid (Gráfico: IGE e INE / Foro Económico de Galicia).
photo_camera A economía galega segue por baixo dos niveis previos á Covid (Gráfico: IGE e INE / Foro Económico de Galicia).

O ritmo de crecemento da economía galega moderouse durante o primeiro semestre do ano, medrando a distancia cos indicadores macroenómicos e de emprego a nivel estatal, segundo o diagnóstico do Foro Económico de Galicia.

"Nun contexto de elevado grao de incerteza e o mantemento de tensións inflacionistas a economía galega modera o seu crecemento no segundo trimestre do ano, que se sitúa en 4,4%, sete décimas menos que nos trimestres anteriores. Un crecemento impulsado, en gran medida pola demanda externa". Esta é unha das primeiras conclusións do Informe de Conxuntura Socioeconómica do Foro Económico de Galicia, presentado esta quinta feira.

Esta moderación do crecemento, estimada tamén para o conxunto da UE-27 e da zona euro, contrasta cun maior dinamismo da economía do Estado español, de 6,8%, salienta o documento. 

O informe revela que a economía galega, que previsibelmente alcanzará os niveis previos á crise da Covid antes de que conclúa o ano, crece mais a menor velocidade, o que provoca que aumente a distancia cunha economía estatal que medra 2,4 puntos porcentuais por riba.

Esta desaceleración trasládase, segundo o 'think tank', ao mercado laboral galego, onde tamén se observa unha "contracción", cunha variación interanual positiva de 3% na ocupación, por baixo do volume de crecemento da economía. 

Como se desprende do documento, os datos de creación de emprego na Galiza débense ao sector servizos, xa que tres de cada catro persoas traballan nalgunha das súas ramas. 

Outro dos aspectos destacados polo Foro é a diferenza de comportamento do mercado laboral galego co do Estado, con fendas "de entre 4 e 5 puntos" en indicadores como a taxa de actividade ou a de ocupación.

"O desemprego segue a afectar en maior medida á poboación feminina que á masculina, sendo as persoas menores de 25 anos, estranxeiras e con estudos primarios os colectivos máis afectados", destacou tamén o Foro Económico de Galicia.

Comentarios